CRTVG

Buscar

O Supremo conclúe que a vítima da Manada sufriu dez agresións en minuto e medio

Publicado o 06/07/2019 11:58

O Tribunal Supremo reprochou aos cinco membros da Manada que posaran en "actitude xactanciosa" e celebraran como "un triunfo" ao que querían "dar proxección" o que en realidade foi unha "violación múltiple" que "os acusados buscaron expresamente" e en que "a vítima sufriu todo o tempo".

O alto tribunal fixo pública a sentenza, cuxo ditame se adiantou ao 21 de xuño, na que por primeira vez se lle deu razón á vítima e ás acusacións ao considerar que o ocorrido nos sanfermíns de 2016 foi violación, e revogou as dúas anteriores resolucións que viron abuso nos feitos. Esa decisión elevaba as condenas a 15 anos de prisión por un delito continuado de violación coas agravantes específicas de trato vexatorio e actuación conxunta de dúas ou máis persoas.

A sala, no texto da sentenza que hoxe se publica, pon en valor o "exceso de intimidación exercida" polos cinco condenados -xa en prisión-, quen, ademais de chegaren a cometer "cando menos dez agresións sexuais", estiveron gravando e sacando fotos á vítima, situación que lle foi "imposta" e da que se desprende unha "clara denigración como muller".

Segundo di a sentenza, "do relato fáctico despréndese, con total claridade, que os acusados buscaron expresamente a situación, sen que a vítima tivese coñecemento ningún, desde o momento mesmo en que souberon que a moza estaba soa e que non encontraba os seus amigos". Os maxistrados consideran que o que ocorreu na noite de San Fermín en Pamplona foi "unha violación múltiple, efectuada por cinco persoas, na que todos participaron como autores".

O Supremo destaca a "revitimización" da moza durante todo este tempo

O TS resalta na sentenza contra a Manada a "revitimización" á que se viu sometida a moza durante todo o proceso, durante o cal foi "obxecto de seguimentos por detectives privados" e chegou a pensar que "claquera persoa" a podería identificar a raíz dos vídeos gravados polos condenados.

Na resolución, da que foi relatora Susana Polo, o tribunal ten en conta o dano moral sufrido pola vítima a raíz da agresión sexual, polo que obriga os acusados a indemnizala con 100.000 euros.

O Supremo estima que se produciu unha "vitimización secundaria" derivada dun caso tan mediático, pero é que ademais "existían vídeos" dos "ataques sexuais" gravados polos condenados e incluso un deles "chegou a mandar dúas mensaxes" a dous grupos de Whatsapp, nos que alardeaba e anunciaba que había imaxes.