CRTVG

Buscar

O Supremo rebaixa un ano a condena ao asasino de Ana Enjamio

Publicado o 15/01/2021 08:46

• O Alto Tribunal deixa en 29 anos e catro meses a pena de prisión para César Adrio ao anular a agravante por discriminacion de xénero

O Tribunal Supremo condenou a 29 anos e catro meses de cárcere a César Adrio por matar a coiteladas en Vigo en decembro de 2016 a súa exparella Ana Enjamio no portal da súa casa cando esta regresaba da cea de Nadal da empresa á que asistiran ambos.

A Sala do Penal do Supremo confirmou as sentenzas previas da Audiencia de Pontevedra e do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que consideraron o procesado autor de delitos de asasinato, con aleivosía e ensañamiento; acoso e vulneración da súa intimidade.

O Supremo rebaixa lixeiramente a condena imposta a Adrio ao anular a apreciación da agravante de discriminación por motivos de xénero no delito de asasinato, inaplicable no caso porque o xurado, segundo recolle a acta do veredicto, rexeitou por 6 votos a 3 que o home causase a morte á vítima "co desexo de deixar patente o seu sentimento de superioridade sobre ela, polo feito de ser esta unha muller".Por iso, reduce de 25 a 24 anos de prisión a condena polo asasinato, mantendo o resto de condenas, co que a pena total pasa a ser de 29 anos e 4 meses.