CRTVG

Buscar

O Sergas sitúa en 1.233 persoas o persoal contaxiado e en 240 os afectados por máscaras defectuosas

Publicado o 24/04/2020 17:21
O Sergas sitúa en 1.233 persoas o persoal contaxiado e en 240 os afectados por máscaras defectuosas

Este venres o Sergas trasladou aos sindicatos que hai 1.233 traballadores contaxiados de COVID-19 e uns 240 afectados con positivo polo uso de máscaras defectuosas, retiradas despois de que se fixeran máis de 5.000 probas aos que as usaban. Así o informaron fontes sindicais despois da reunión telemática de hoxe. Tamén fontes sindicais afirman que lles trasladan que se "seguen facendo probas" e que "faltan tests nas áreas da Coruña, Vigo e Lugo".

No tocante a profesionais contaxiados, 279 xa recibiron a alta laboral. E os curados ascenden a 709 se se engaden os que recibiron a alta hospitalaria tras 15 días e os que deron negativo despois dunha segunda proba. Estiman que aínda hai "uns 500 afectados".

Dende os sindicatos din que o Sergas lles asegura que "van seguir facendo tests" ao persoal e que priorizarán "por áreas de media e alta exposición"

Ao encontro por videoconferencia asistiron representantes de CIG, UXT, CSIF, Satse e CCOO, xunto con representantes da Xunta. En declaracións, Javier Martínez, de UXT, comentou que lle pediron ao Sergas, referíndose ás máscaras defectuosas, "que non se volva repetir" e que é a comunidade a que ten que "verificar que ese material vén ben".

Os representantes dos traballadores reclamaron "formación e información" sobre o material de protección "en todas as áreas". María Xosé Abuín, de CIG-Saúde, explicou que reprobou a "falta de formación e información do persoal en relación a aspectos como o material de protección". 

No tocante ao reforzo de persoal coa prórroga de contratos MIR, Abuín explicou que denunciaron que "viñeran substituír postos de traballos" cando eran "contratos de reforzo". 

A responsable de Satse en Galicia, Carmen García, insistiu na reunión que "tiveran material suficiente e adecuado" para evitar "desconfianza e temor" entre o persoal do Sergas. Igual ca o resto de sindicatos piden que "se fagan todos os tests necesarios aos que tiveran posibles contactos coa COVID-19 e aos que non".

Javier González, representante de CCOO, valora que "por fin" se lles facilite información nas reunións fixadas para os venres. E solicitan que se lles faga a proba "a todo o persoal, incluído o de limpeza". Dende CCOO tamén piden que na atención primaria se "repoñan periodicamente os equipos de protección e se lles facilite "algún vehículo para ir aos domicilios". Tamén que "descontamine" o que empregue o persoal sanitario para ver os pacientes nas casas.

No encontro tamén abordaron, segundo indica o Sergas, "o problema do desabastecemento mundial de equipamentos de protección individual", e destacan que dende febreiro, "o Sergas comezou a mercar material e seguirá facéndoo". "Mercáronse 15 millóns de máscaras", engaden.

Din que "existe un protocolo" para os tests que se realizan aos profesionais. Son "de dobre banda, no caso de que os PCR dea un resultado dubidoso".

Sobre o estudo epidemiolóxico que comezou esta semana en Galicia, UXT lamenta que "non se formase" o persoal sanitario "na ferramenta tecnolóxica" que teñen que empregar. Tamén que o persoal que ten que ir a domicilios non saiba "de que EPI vai dispor" e "se ten que ir no seu coche".

UXT critica a "celeridade coa que se inicia o estudo". E reclaman, especialmente para o persoal de enfermaría que se encarga de recoller as mostras, "que os formen e poñan todos os EPI axeitados".

CIG-Saúde lamenta que o estudo "non estea consensuado cos profesionais" e que fora "anunciado por Feijóo nos medios sen que se informase previamente os profesionais de atención primaria". Ven positivo que se leve a cabo e demandan un cambio "no manexo dos casos positivos de COVID-19 e que se lles faga a seroloxía cuantitativa, ou cando menos un test rápido de IgG e IgM, para máis certeza e tranquilidade dos pacientes".

Satse insiste en que non está en contra do mesmo, senón "do xeito precipitado" co que se leva a cabo. Reivindican "contar coa enfermaría", polo seu papel na recollida de mostras.

CCOO "non considera que sexa malo" este traballo, e traslada "bastante malestar no persoal". Cren que no Sergas "o fixeron todo ao revés" na súa posta en marcha, porque "non son claros". Aseguran que representantes dos traballadores se decataron oficialmente do seu inicio na reunión deste venres. "É todo un pouco vago", apuntan, "non quita que o resultado do estudo nos veña ben para saber como está difundido o virus", conclúen.