CRTVG

Buscar

O Sergas aproba a convocatoria inmediata de 1.057 prazas

Publicado o 13/12/2019 15:45
O Sergas aproba a convocatoria inmediata de 1.057 prazas

A Mesa Sectorial de Sanidade celebrada este venres acordou a convocatoria inmediata dunha oposición cun total de 1.057 prazas, que se distribúen en diversas categorías.

Segundo informa a administración autonómica nun comunicado, para licenciados sanitarios, prevense 490 prazas de distintas categorías, das que 416 corresponden a 39 especialidades de facultativos especialistas de área (FEAS); 2 a médico de admisión; 3 a médico asistencial do 061, e 69 a médico de urxencias hospitalarias.

Para técnicos sanitarios de formación profesional convocaranse 305 prazas, para logopedas, 4 prazas; outras 5 para terapeuta ocupacional; 229 para auxiliar de cociña; e 24 para cociñeiro.

Así mesmo, na reunión entre sindicatos e Administración sanitaria, presentáronse dous proxectos de decreto que posibilitarán contar no Servizo Galego de Saúde coa categoría de médico de hospitalización a domicilio e coa especialidade de dietética dentro da categoría estatutaria de técnico especialista do Sergas.

Ademais, os representantes do Sergas trasladáronlle ás organizacións sindicais información dos orzamentos para o ano que vén do departamento sanitario galego. Os gastos de persoal do orzamento do Sergas 2020 ascenden a 1.755 millóns de euros. 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí