CRTVG

Buscar

O Senado volve á actividade coas críticas á xestión do Goberno da pandemia

Publicado o 21/04/2020 22:02

O Senado non se reunía en pleno desde o 17 de marzo. A imaxe, a mesma ca a doutros hemiciclos durante esta pandemia. Bancadas case baleiras e senadores contados, o mínimo para desenvolver o pleno. O ton foi o de costume, o de antes do coronavirus.

"Estamos fartos de vostedes porque mentiron e porque ademais actuaron con soberbia. Chegaron tarde porque estaban pelexándose entre ministras por ver quen lle poñía o eslogan ao 8-M. Este Goberno pasará a historia por ser o Goberno do episodio das máscaras falsas compradas como verdadeiras", di Javier Maroto, senador do Partido Popular.

"Voulle dicir unha cousa moi clara, aínda que resulte sorprendente. Nós non estamos fartos de vostedes estamos esperándoos. Estamos esperando a que nos apoien, a que nos acompañen. Estamos esperando a que, por unha vez, estean á altura das circunstancias", responde Nadia Calviño, ministra de Asuntos Económicos.

A controversia polas declaracións do xefe do Estado Maior da Defensa tamén chegou ao Senado."Se non se fan test, hai que denuncialo. Se hai más mortos dos que din, hai que denuncialo. Se a xestión é soberbia, hai que denuncialo. Vostede ten que garantir que esas críticas se poidan facer. O xeneral da Garda Civil non tivo un lapsus, seguiu as ordes do Goberno", asegura Carlos Floriano, senador do Partido Popular.

"Autocrítica si, avaliación da nosa actuación si, rendición de contas si, arrepentimento non. Só lle pido unha cousa para que no se arrepinta no futuro: fagan autocrítica da oposición que están facendo. Eu nunca vou introducir á Garda Civil nin á Policía Nacional como están facendo vostedes", responde Fernando Grande-Marlaska, ministro do Interior.

Ao Goberno tamén lle preguntaron pola flexibilización do cumprimento do obxectivos de déficit da comunidades para facer fronte á pandemia. A ministra de Facenda falou de "absoluta colaboración e excepcionalidade" coas autonomías para este 2020.

Noticias web

21/04/2020