CRTVG

Buscar

O sector pesqueiro garante o abastecemento

Publicado o 18/03/2020 20:44

Non hai teletraballo para os mariñeiros e mariscadores galegos, que como cada día seguen saíndo a pescar. Coas embarcacións do cerco no País Vasco e as parellas na Coruña, a actividade no porto de Ribeira acapárana estes días os barcos do día. A chegada de xurelos, xardas, sardiñas e outros peixes aos mercados e supermercados galegos está garantida.

"Unhas especies baixaron máis ca outras por motivo (do peche) dos restaurantes e de todo o que é o comercio. Entón só se vende con máis preferencia e cun prezo máis accesible o peixe do consumo diario, o peixe máis normaliño."

A preocupación é maior entre os mariscadores.
En Aguiño, hoxe saíron ao ourizo e á ameixa, os de maior demanda, e deixaron de lado o percebe ao non ter saída polo peche da restauración.

"Entón o percebe xa o descartamos por ese motivo, non por outro. E despois outras alternativas como a navalla, ameixa e ourizo que é o que estamos desempeñando, pois un pouco con coidado, día a día mirando tamén de reollo os prezos."

As normas de seguridade persoal para evitar contaxios cúmprense por parte dos membros da frota e tamén nas lonxas, que se celebran cunha capacidade limitada e respectando a distancia de separación entre asistentes.

O sector agarda que as axudas que poderían aprobar as administracións públicas lles permitan afrontar en mellores condicións a actual situación.

Noticias web

18/03/2020