CRTVG

Buscar

O sector eólico agarda xerar 6.000 empregos novos en Galicia en cinco anos

Publicado o 15/06/2020 13:58

A enerxía producida polo vento xa é a primeira fonte de xeración eléctrica en Galicia. Agora hai 180 parques eólicos en funcionamento, os responsables de producir toda esta enerxía, pero os primeiros chegaban hai décadas. Desde aquela, o sector cambiou moito.

José Manuel Pazo, presidente da Asociación Eólica de Galicia: "Era imposible pensar que, despois de 20 anos, podiamos chegar a subministrar enerxía para o 50% da industria e da poboación galega".

É unha enerxía renovable que, segundo insisten na Asociación Eólica de Galicia, supón unha importante fonte de riqueza e emprego. Actualmente, traballan no sector arredor de 7.000 persoas, pero agardan que sexan moitos máis.

"Esperamos acadar arredor de 6.000 empregos novos en cinco anos. Ao final de todo, chegariamos aos 12.000 ou 13.000 empregos", asegura José Manuel Pazo.

Lembran, ademais, que xera empregos en zonas rurais e que chega a uns 100 municipios galegos. Hai difenzas por provincias.

"Lugo case acada o 50% da enerxía producida, igual que do emprego. Logo, vén A Coruña. Ourense e Pontevedra, xa están arredor do 10-15%", di Pazo.

O sector é optimista canto ao futuro. Cre que Galicia está en condicións de liderar a transición enerxética en Europa.

"Nestes momentos, o que queremos é que Galicia sexa referente en enerxías renovables. Poder dentro de cinco anos conseguir o 100% de enerxía verde de consumo e produción para nós é unha utopía e pode ser un exemplo en todas as comunidades de Europa".

Neste Día Mundial do Vento, agardan que sopre a favor dun sector, aseguran, con moito potencial.

Noticias web

15/06/2020