CRTVG

Buscar

Trump e Kim Jong-un inauguran o segundo cumio en boa sintonía

Publicado o 27/02/2019 19:56

O líder norcoreano Kim Jong-Un e o presidente estadounidense, Donald Trump, inauguraron este mércores o seu segundo cumio. Sorriron, déronse a man e cearon xuntos. Mañá será o día clave. Ambos intentarán conseguir compromisos concretos sobre o desarmamento nuclear, despois da frustrada xuntanza de hai 8 meses.

Estiveron xuntos e a soas 20 minutos. Despois, sentados nun escenario flanqueado polas bandeiras de ambos países intercambiaron, para o mundo, todo tipo de loanzas. Kim Jon Un dixo de Trump que era un valente por atreverse a iniciar o achegamento a Corea do Norte. Trump eloxiou o "incrible potencial económico de Corea" e ambos prognosticaron un cumio exitoso.

Sorriron, déronse a man e foron cear. O presidente dos EUA, acompañado polo secretario de Estado e o xefe de gabinete. O de Corea acudiu co seu ministro de exteriores e o responsable dos servizos secretos.

"Nada como gozar dunha agradable cea privada", dixo Donald Trump.

O cumio continuará este xoves, cunha axenda descoñecida. Espérase que Trump e Kim intenten avanzar no que significa, para cada un deles, a desnuclearización.

Noticias web

27/02/2019