CRTVG

Buscar

A corentena nunha casa de aldea, no rural, é moi distinta á das cidades

Publicado o 21/03/2020 14:29

Ese confinamento ao que todos estamos obrigados tamén afecta aos veciños que viven no medio rural. Pero, segundo nos contaron, non ten nada que ver pasar a corentena encerrado nun piso a facelo nunha casa na aldea.

Oliva vive en Donalbán, un pequeno núcleo de Laxosa, do concello lugués do Corgo. Aquí ten unhas pitiñas ás que lles vén dar algo de gran e verzas todos os días. Gústalle ter os ovos da casa e por iso non renuncia a ter este pequeno curral. No seu quefacer non atopa case a ningún veciño; o resto do día está na casa.

Juan Antonio igualmente segue as recomendacións e só sae para dar un pequeno paseo con Leo, o seu cadelo. Fóra diso só se move á horta que ten pegada á vivenda.

Un pouco máis adiante, Ramiro senta nunha banqueta para coidar as ovellas. En toda a mañá apenas se cruza con máis veciños. El tampouco sae dos seus predios. E di que está moito millor aquí ca nun piso.

O caso de Edgar é diferente. El ten casa tamén na cidade, pero prevendo o que ía pasar, hai dez días veu canda a muller, o fillo e a súa cadela Inca para pasar o confinamento na aldea, onde teletraballa axudándose do ordenador.

Con todo, malia que a primavera xe chegou ao campo, a xente parece estar moi recollida nas casas, a pesar de que esta é a época do ano na que hai que poñer as hortas e botar as patacas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

21/03/2020