CRTVG

Buscar

O río Miño volve estar en alerta vermella en Ourense

Publicado o 22/12/2019 14:06

A calma con que amenceu hoxe a provincia de Ourense, relativa porque segue chovendo e con instensidade por momentos, pero non ten nada que ver co que pasou a últimas horas da tarde de onte e ata a madrugada, con ventos que en Manzaneda chegaron aos 176 quilómetros por hora e que superaron os 100 en numerosos puntos da provincia. Pero a razón pola que estamos aquí, concretamente, é para que vexan ese teito. É o teito do Muíño da Veiga. Dous metros máis abaixo, están as termas do muíño. "Están desaparecidas. Non se ven nin as termas nin o muíño", comenta un paseante.

Porque o Miño segue alto, moi alto, preto dos nove metros e cun caudal que volve superar os tres mil metros cúbicos por segundo así que a confederación hidrográfica reactivou o nivel vermello de alerta. Tamén segue vermello na Peroxa e en Ribadavia.

"Está todo inundado. Claro, levamos case dous meses chovendo", di un veciño.

A boa nova é que a tendencia é a baixa, como constataban esta mañá os axentes da policía local que supervisan todas as zonas afectadas polo temporal, coma esta estrada de Eirasvedras, na saída da cidade cara Vigo. Está cortada polo rebordamento do Miño.

"Como fai curva aí, a auga pega e retrocede para arriba", explica un veciño da zona.

Pero onde máis choveu foi na Baixa Limia. A estrada de Farnadeiros a Lobios afundiuse. Unha gran fenda atravésaa de lado a lado e o tráfico está desviado.

Noticias web

22/12/2019

Máis sobre Ourense