CRTVG

Buscar

O Reino Unido supera os 18.000 mortos nos hospitais, pero estiman que son 41.000 en total

Publicado o 22/04/2020 20:20
O Reino Unido supera os 18.000 mortos nos hospitais, pero estiman que son 41.000 en total

O número de persoas falecidas en hospitais do Reino Unido por COVID-19 aumentou este mércores en 763, ata un total de 18.100 persoas, informou o Ministerio de Saúde. Tras realizar 22.814 probas diagnósticas en 24 horas, confirmáronse 4.451 novos casos da enfermidade, pola que xa deron positivo 133.495 persoas no país desde que comezou a pandemia.

Os mortos diarios polo coronavirus descenderon hoxe lixeiramente no Reino Unido respecto ao martes, cando se comunicaron 823 falecementos, e a cifra está tamén por baixo dos 980 dos que se informou o 10 de abril, o máximo número ata o de agora.

O ministro de Sanidade, Matt Hancock, asegurou que o Reino Unido atópase "no pico" da expansión da pandemia, e recalcou que aínda non se cumpren as condicións para relaxar as normas do confinamento ordenado o 23 de marzo. A pesar de que o Goberno aínda está lonxe de cumprir o seu obxectivo de realizar 100.000 test ao día antes de fin de mes, o ministro británico de Exteriores, Dominic Raab, asegurou que mantén esa meta.

Raab, que substitúe ao primeiro ministro, o conservador Boris Johson, durante a súa convalecencia tras supera a COVID-19, asegurou que o Reino Unido xa conta con capacidade para levar a cabo 40.000 probas ao día. Unha análise elaborada polo diario Financial Times calcula que os mortos no Reino Unido pola pandemia poden ser 41.000, ao ter en conta os falecidos en residencias e os rexistros de defuncións.

Italia supera os 25.000 mortos e rexistra unha lixeira repunta dos casos

Os falecidos en Italia con coronavirus alcanzaron hoxe os 25.085, tras rexistrarse 437 mortes máis as últimas 24 horas, a cifra máis baixa dos tres últimos días, nunha xornada na que houbo un repunte dos casos totais. Desde que se detectou o virus en Italia o 21 de febreiro, os casos de contacios totais xa son 187.327, o que supón un aumento de 3.370 desde o martes, o maior desde o pasado 18 de abril. Do total de casos 54.543 xa se curaron, 2.943 nas últimas 24 horas, segundo os datos da Protección Civil. 

Francia supera as 21.000 mortes por coronavirus tras sumar 544 nun día

Francia superou este mércores as 21.000 mortes por coronavirus, con 21.340 falecementos desde o pasado 1 de marzo, dos cales 544 sumáronse ao reconto oficial nas últimas 24 horas.

O aumento de falecementos diarios rolda no país o medio milleiro desde hai tres días, tras os 531 deste martes e os 547 máis do luns.

En total, as autoridades rexistraron 13.236 mortes en hospitais, delas 336 no último día, e 8.104 en residencias de anciáns e centros de dependencia, aínda que nese caso a alza de 208 non se corresponde cun incremento diario porque o censo nesas institucións non é completo e chega de forma paulatina.

O director xeral de Sanidade, Jérôme Salomon, indicou nunha conferencia de prensa sobra a situación que 29.741 persoas seguen hospitalizadas. Aínda que de onte a hoxe houbo 1.619 novos ingresos, o saldo entre as admisións e as altas mantense negativo, con 365 pacientes menos nesta ocasión.

Igualmente á baixa segue o balance nas unidades de coidados intensivos (UCI), onde hai 5.218 pacientes, deles 183 no último día, pero o saldo global apunta a que hai 215 casos críticos menos.

Noticias web

22/04/2020