CRTVG

Buscar

O Reino Unido recomenda non viaxar a ningún lugar de España, incluídas as Baleares e as Canarias

Publicado o 27/07/2020 22:08

• As duras consecuencias económicas que trae esta decisión

• O Goberno negocia con Londres para tentar salvar polo menos os arquipélagos

 

Preocupación no sector turístico ante a decisión de impoñer unha corentena para todos os cidadáns que cheguen ao Reino Unido procedentes de España. Preocupación tamén entre españois e galegos que tiñan pensado vir de vacacións pero non poden permitirse estar catorce días illados cando regresen.

E, aínda que en menor medida en comparación con outras comunidades autónomas, preocupación en Galicia polos posibles turistas que poderían recibir do país británico. Cóntannos nos hoteis consultados que en Galicia as consecuencias da medida non deixan moita pegada porque este verán a ocupación é baixa e os turistas que chegan son maioritariamente nacionais.

Porén, desde que se soubo a noticia e malia que, polo momento, as compañías aéreas manteñen todos os voos, xa se están cancelando reservas. De turistas e de españois e galegos que viven no Reino Unido e que tiñan previsto vir no verán. Houbo a quen a noticia, que non prevé ningún tipo de medida para que os afectados poidan faltar ao traballo sen consecuencias, os sorprendeu aquí. Por exemplo a Andrés, de vacacións en Cambados.

O caso de Andrés repítese no conxunto do Estado, onde, a maiores, hai comunidades para as cales a decisión do Goberno británico pode supoñer un grande impacto negativo no sector turístico. Esta é unha situación que o Executivo, asegura, quere solucionar canto antes.

Á espera desta decisión entre gobernos dos dous países, outras comunidades autónomas peninsulares onde o turismo británico é tamén importante exercen presión para que as inclúan nese corredor seguro. Con todo e malia as negociacións, o Executivo británico endureceu a última hora desta tarde o seu discurso nun comunicado en que aconsella non viaxar a ningún lugar de España, incluídas as Canarias e as Baleares.

Noticias web

27/07/2020