CRTVG

Buscar

O Rei pecha con Sánchez a rolda de consultas

Publicado o 11/12/2019 20:43

• EN DIRECTO | Sánchez | Batet

 

O rei Filipe rematou esta tarde con Pedro Sánchez a rolda de consultas cos partidos políticos para designar candidato á investidura, algo que pode facer dun momento a outro. Pola Zarzuela pasaron entre onte e hoxe os líderes de 18 formacións, todas agás o BNG, ERC, Bildu e a CUP, para trasmitirlle ao xefe de Estado a súa impresión sobre a formación de Goberno e a súa postura con vistas á investidura de Pedro Sánchez como presidente do Goberno.

Inés Arrimadas confirmoulle ao Rei que Ciudadanos non apoiará de ningunha maneira un goberno do PSOE con Podemos e favorecido polos independentistas. E defendeu ante o monarca a súa proposta dun pacto a tres: PSOE, PP e Ciudadanos. Unha alternativa que xa lle fixo chegar a Sánchez. Inés Arrimadas, Ciudadanos: "Sánchez ten unha vía alternativa, constitucionalista, moderada e estable. Pídolle que a colla, polo ben de España".

Pablo Iglesias defendeu ante o Rei o goberno de coalición, e amosouse optimista sobre as negociacións do PSOE con Esquerra. Pablo Iglesias, Unidas Podemos: "Trasmitinlle que a nosa sensación é que camiñamos na boa dirección. Con toda a prudencia, con todos os matices, pero na boa dirección".

Vox di que non apoiará, en ningún caso, unha investidura de Sánchez, nin un goberno en que estea o PSOE, aínda que sexa co PP e con Ciudadanos: "O que lles dixemos a PP e Ciudadanos é que non criticariamos que eles tendan a man a ese goberno, pero nós non o apoiariamos".

O PP insiste en que son a alternativa e mantéñense firmes no non a Sánchez. Aínda co compromiso de colaborar na gobernabilidade de España e de ser os garantes da estabilidade: "Solo pola ameaza de voar polos aires o sistema da transición e o orde constitucional Sánchez non merece o noso apoio. Pase o que pase imos garantir a estabilidade, e non permitir distorsións nin na Constitución nin nos estatutos de autonomía".

O último en pasar pola Zarzuela foi o propio Pedro Sánchez, co que o Rei se reuniu durante máis dunha hora. Na rolda de consultas deste mércores participaron tamén o PNV, que mantén aberta a súa posición sobre a investidura, e Junts per Cataluña, que deixou claro que agora mesmo están no non a Sánchez.