CRTVG

Buscar

O refuxio de cans Os Palleiros de Pontevedra non recollerá máis animais debido á saturación

Publicado o 26/02/2020 14:33

Mara chegou ao refuxio dos Palleiros tras morrerlle o dono. Ten dez anos, os dous últimos aquí. É unha das velliñas da canceira que subvenciona o concello de Pontevedra. A outros como Hades, de 13 anos, trouxérono porque se volveu agresivo aínda que co tempo, na protectora, recuperou a mansedume. Son algúns dos que cariñosamente chaman velliños, para os que piden unha oportunidade á hora de adoptar.

Por unha ou outra razón, o refuxio constatou un aumento do abandono e o estancamento das adopcións, polo que se ven obrigados a suspender a recollida de animais. Tamén lles chegan cada vez máis cans con problemas de agresividade ou pouco sociables, que precisan máis espazo e atencións. Teñen lista de espera porque están saturados con 137 cans e outros 25 en casas de acollida. Están todos esterilizados e con microchip, prácticas que recomendan sempre.

A adopción precisa dunha entrevista persoal e ten un custo de 60 euros polos gastos veterinarios. Que non son cartos se un entra no refuxio e cae namorado dalgunha destas criaturiñas famentas, sobre todo, de cariño.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

26/02/2020