CRTVG

Buscar

O Real Madrid remonta en Pamplona e demostra ser un líder sólido (1-4)

Publicado o 09/02/2020 19:26

O Madrid acabou goleando en Pamplona, pero por intensidade, presión e profundidade, os primeiros minutos do partido foron de Osasuna. Un cuarto de hora pletórico do conxunto navarro ante un Madrid que non se sentía cómodo. Desbordaban os locais unha e outra vez e gozaron de boas oportunidades. Courtois estivo atento para rexeitar o disparo de Rubén García tras unha bonita acción individual do dianteiro. O gardameta madridista retrasou uns minutos o un a cero, que chegou no catorce. Nun córner, Unai García acertou a rematar para inaugurar o marcador. Resultado consecuencia do que se estaba a ver no terreo de xogo. O Madrid comprendeu que debía variar a súa actitude, e así o fixo. Cambiou a decoración e pouco a pouco pasou a dominar o encontro. As oportunidades chegaban agora na outra portería, e o mesmo que o un a cero víase vir, pasou exactamente igual co empate. No minuto 33, Isco, quizáis o mellor dos brancos, aproveitou un intento de disparo do reaparecido Gareth Bale para igualar o resultado. Non quixeron desaproveitar o momento os de Zidane, que non baixaron o ritmo. E conseguiron marcar de novo pouco despóis nun corner. No minuto 38, e tras tocar Casemiro, Sergio Ramos lograba o un a dous. Quedaba así anulado o mal comezo do partido por parte do líder, que chegou ao tempo de lecer coa tranquilidade de verse por díante no marcador. Pero o Osasuna non é un equipo que se rinda con facilidade. Perseguíu o empate ao longo do segundo tempo, e Rubén García gozou dalgunha boa oportunidade. A insistencia dos de Arrasate non tivo premio e todo quedou finiquitado no minuto 84 logo dunha acción de Benzema. O francés asistíu para o disparo de Lucas Vázquez, que entrara pouco antes ao partido. Tamén aproveitou ao máximo os seus minutos Luka Jovic, que entrou no 88 e que pechou o resultado no 92 tras asistencia de Fede Valverde. Nin siquera tivo premio Osasuna na última xogada do encontro. Íñigo Pérez disparou ao longueiro. Un a catro final para o Real Madrid, o mellor equipo a domicilio do campionato, e que vai continuar de líder con 52 puntos.

 

Noticias web

09/02/2020