CRTVG

Buscar

O Real Madrid derrota un Borussia moi inferior e pasa como primeiro de grupo

Publicado o 10/12/2020 13:09

O criminal sempre volve ao lugar do crime, e o Madrid sempre fai masa crítica dos seus valores históricos ao acubillo de Europa.

É xenética pura. As Leis de Mendelson da herdanza branca que converteron o partido decisivo da fase nun baile aos alemáns dirixido por dous franceses e un croata. Zidane, Benzema e Modric. Verticalidade e cacholada de alta escola para o un a cero.

Para o Gladbach quedou un petisco de certa consideración. Apenas unha peza lenta para arrimarse algo. Balón perdido que se apropia o Borussia e carreira de Alassane Pléa para levantárllela mal a Courtois.

No carné de baile todo eran citas na área xermana e Benzemá fai o segundo gol á media hora. Rodrygo interpreta un 'dille que non' clásico de salsa e proxecta o coiro sobre a posición en punto e hora de Karim.

Monólogo madridista, unha batedura na que Modric tomaba parte sen piedade e bate o coiro no pau para o terceiro antes do descanso. Non foi, como tampouco o serían as chegadas de Benzemá con parada de Sommer evitando unha goleada que tiña máis xeito de seren que non seren, e en cuxo proxecto tamén participou Kroos cunha zapateada de coiro que cheiraba a charamuscas.

Ramos quería a súa tallada e faille un test de aerodinámica a Sommer obrigado a voar para deter a cacholada do capitán. No refugallo, Benzemá tira a dar e a pelota acaba magoando o longueiro pero cuspida a fóra.

O galego Lucas Vázquez manobra de luxo sobre a súa marca e bate o coiro na madeira. Outra madeira nun partido grande dos madrisitas que non quixeron celebrar o que era unha obriga: gañar e acabar primeiros.

Noticias web

10/12/2020