CRTVG

Buscar

O PSOE pacta con Cs o plan de traballo da comisión para a reconstrución

Publicado o 13/05/2020 18:55
O PSOE pacta con Cs o plan de traballo da comisión para a reconstrución

O PSOE logrou pactar con Cs o plan de traballo que seguirá a Comisión do Congreso para a Reconstrución Social e Económica posterior á crise do coronavirus

O primeiro paso desta nova comisión dérono este mércores os deputados ao apoiar, sen votos en contra, a aplicación dun método de traballo que en principio culminará dentro de dous meses

PP e Vox, do mesmo xeito que formacións independentistas e nacionalistas, abstivéronse. 

O plan polo que avogou o PSOE, en estreita coordinación con Unidas Podemos, saíu adiante con 168 sis grazas aos votos de máis País e Cs, principalmente. As abstencións foron en total 162

Cs, que na comisión estará liderado por Edmundo Bal, presentou o seu propio método, pero retirouno antes da votación ao conseguir que o PSOE aceptara as súas propostas, tal e como el mesmo sinalou durante a sesión.

O plan do PP, con todo, foi rexeitado porque a maioría, en especial o PSOE, Unidas Podemos, Vox e Cs, abstivéronse. 

A comisión celebrará mañá unha segunda sesión para ultimar o calendario e a listaxe de comparecentes.

O obxectivo do plan é conducir os traballos ao consenso político

Tal e como explicou a portavoz socialista, Adriana Lastra, que o será tamén na Comisión, o obxectivo é conducir os traballos ao consenso político. Dita filosofía estará presente nos catro grupos de traballo acordados a pedimento do PSOE e de Unidas Podemos. 

1. Un abarcará o modelo de sanidade pública (cun epígrafe para as residencias de maiores)

2. Un segundo tratará a reactivación económica (que se orientará en gran medida á transición ecolóxica e apostará polo teletraballo e pola conciliación)

3. O terceiro estudará as políticas sociais e o sistema de coidados (entre o que destacará o sistema fiscal)

4. O cuarto versará sobre políticas europeas

Estes grupos de traballo estarán formados por un deputado por cada grupo parlamentario, e a súa vez, con cada deputado estará un experto sectorial previamente comunicado. Un dos parlamentarios integrantes exercerá de coordinador e moderará os debates. 

Os grupos redactarán as súas propostas, e unha vez aprobadas, engrosarán o ditame final. Está previsto que estes grupos de traballo se formen mañá e que xa a semana que vén inicien a súa andaina.