CRTVG

Buscar

O PSOE gañaría as eleccións e Ciudadanos adiantaría o PP segundo o CIS de xuño

Publicado o 03/07/2019 14:58

• Reflicte unha caída de Unidas Podemos e o estancamento de Vox

• Os socialistas rozan o 40% de intención de voto, Ciudadanos case o 16%, os populares 13,7% e Vox sitúase no 5,1%

O Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) deu a coñecer o seu barómetro, con intención de voto e segundo esta enquisa, o PSOE gañaría as eleccións co 40% dos votos, con clara vantaxe sobre o seguinte, que sería Ciudadanos, que rebasa o PP.

Segundo o barómetro do CIS, de repetirse mañá as eleccións, Pedro Sánchez gañaría os comicios con moita vantaxe sobre o resto de forzas. A enquisa outórgalle case o 40 por cento dos votos, moi lonxe da segunda forza, que sería Ciudadanos co 15%, practicamente estancado con respecto das pasadas eleccións do 28 de abril. O Partido Popular quedaría relegado á terceira posición, con 13% das papeletas, recupera dous puntos con respecto da anterior sondaxe, pero os datos seguen por debaixo dos resultados electorais. Podemos continúa á baixa e Vox perdería a metade do seu electorado.

A preocupación dos cidadáns pola situación política escala ata o seu máximo histórico desde os anos oitenta, e colócase en segunda posición, despois do paro.

O CIS tamén quixo preguntar desta volta sobre vivenda. Máis do oitenta por cento dos españois prefiren mercar unha casa propia, aínda que a metade dos que viven de alugueiro -que son cada máis- declara non ter ingresos suficientes para comprar un inmoble.

Noticias web

03/07/2019