CRTVG

Buscar

O PSOE cae máis de dous puntos pero segue liderando o barómetro do CIS

Publicado o 04/01/2019 21:05

O Partido Socialista baixa máis de dous puntos respecto ao último barómetro do CIS, pero mantén unha vantaxe de 10 sobre o PP e de 11 sobre Ciudadanos. As peores novas son para Podemos, que perde un 3 por cento de apoio electoral.

Vox entraría no Parlamento, cun 3,7% de votos. Por líderes, o máis valorado é Pedro Sánchez, seguido, por esta orde, de Albert Rivera, Pablo Casado, Alberto Garzón e Pablo Iglesias. O Centro de Investigacións Sociolóxicas volveu ofrecer datos puros de intención de voto, o que para os socialistas dá máis valor ao aval cidadán.

Rafael Simancas, secretario xeral do Grupo Parlamentario Socialista: "Aquí non hai cociña, aquí non hai trampa nin cartón. E nas respostas directas que os cidadáns lles dan aos enquisadores do CIS, o Partido Socialista é o primeiro partido de España a gran distancia do segundo e do terceiro, e Pedro Sánchez é o líder político mellor valorado"

A nova metodoloxía que José Luis Tezanos introduciu desde a súa chegada ao CIS mereceu as burlas da oposición.

Begoña Villacís, Ciudadanos: "Cal é o común denominador dos últimos CIS que tivemos durante este ano? O común denominador é Tezanos e que ao día seguinte se converte nun episodio de broma nacional".

Pablo Casado, presidente do PP"O señor Sánchez, o que non aproba os presupostos, o que ten á metade dos seus baróns en rebeldía, o que recibe os pitidos e os apupos aló onde vaia por moita cadea policial que leve, resulta que segue sendo un líder interplanetario. Creo que vai ir na misión chinesa para a cara oculta da lúa"

A enquisa fíxose entre o 1 e o 12 de decembro, coincidindo coas eleccións en Andalucía.

Outras preocupacións

Máis alá do político, o CIS indica que a maior preocupación dos españois segue sendo o paro: un 60 por cento dos enquisados considera que é o maior problema que ten España. 

No último mes disparouse a preocupación pola inmigración, que se sitúa xa no sexto posto das inquietudes dos cidadáns.

Pola contra, o CIS reflicte que baixa progresivamente o desacougo pola corrupción, malia que segue situada entre os problemas principais para os españois. Tamén perdeu postos a independencia de Cataluña, que agora mesmo só lle causa desasosego a un 7 por cento dos enquisados.

O CIS de decembro apunta un aumento da inquietude por problemas de índole social, como a educación ou a violencia machista.

Como é habitual, a enquisa pregunta pola situación económica de España: a metade dos que contestaron, un 50,6 por cento, considera que segue sendo mala ou moi mala.

 

Noticias web

04/01/2019