CRTVG

Buscar

O PSOE advírtelle ao PP que sería un erro opoñerse á prórroga do estado de alarma

Publicado o 25/10/2020 21:04

O partido socialista considera que este novo estado de alarma era necesario porque así o pediron as comunidades autónomas e porque é a única maneira de dobregar a curva do virus. Adriana Lastra insiste en que non é unha medida de partido e pídelle ao PP que non a rexeiten.

Adriana Lastra, vicesecretaria xeral do PSOE: "Esperamos o señor Casado, esperamos o partido popular moderado e responsable que prometeu hai uns días a toda España, agárdamolo nos feitos, a responsablilidade e os acordos, nesta resposta que todos estamos dando levantando unha fronte común diante da pandemia".

Inés Arrimadas tamén cre que se trata dunha cuestión de Estado e que hai que evitar un confinamento coma o de marzo. Arrimadas esíxelle a Pedro Sánchez un plan de rescate para todos os sectores que coas novas medidas van afundir.

Inés Arrimadas, presidenta de Cs: "Pero dicímoslle ao Goberno de España que tome as rendas, que non pode seguir intentando derivar a súa responsabilidade ás comunidades autónomas, decretar este estado de alarma era necesario para tomar medidas restritivas, pero é necesario tamén que o Goberno de España o coordine, asuma a súa responsabilidade, teña o mando".

O PP, que ata o momento se opuxo á medida, quere analizar ben este novo decreto antes de anunciar a súa postura. O voceiro do partido e alcalde de Madrid utilizou unha das últimas intervencións de Fernando Simón para criticar o Goberno. 

Con todo, o Goberno non vai ter problemas para conseguir a autorización. Contará cos votos do PSOE, Unidas Podemos, Ciudadanos, PNV e os grupos independentistas cataláns.

Noticias web

25/10/2020