CRTVG

Buscar

O PSdeG pide a colaboración das administracións e o BNG denuncia que o bipartidismo non ofrece solucións

Publicado o 30/09/2019 15:29

O Goberno socialista adiantou os prazos para pechar Endesa sen coñecemento nin da empresa nin da Xunta. Así o aseguran os populares galegos. Para o BNG, o Goberno central é parte do problema. Para os socialistas galegos, as administracións deben colaborar agora para buscar unha alternativa.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, esixiulles este luns tanto ao Goberno central como á Xunta de Galicia que leven a cabo os trámites necesarios para garantir que poida manterse o emprego na central térmica das Pontes fontes de enerxía alternativas.

Caballero pronunciouse así despois de que o pasado venres a empresa eléctrica fixese pública a súa intención de acelerar o peche destas instalacións ante as crecentes esixencias ambientais, o que o levou a demandar un "esforzo de cooperación" por parte das principais institucións con competencias nesta materia.

Para o líder dos socialistas galegos, a redución das emisións de carbono é un "requisito sine qua non para o mundo de futuro", xa que son un dos principais motivos dun cambio climático que ameaza -advertiu- con lograr que o clima propio de Galicia se pareza cada vez máis ao de Andalucía.

En calquera caso, precisou que as medidas enfocadas a lograr unha transición ecolóxica e enerxética "teñen que ir compasadas" co coidado dos empregos nos sectores afectados para que as persoas que traballan neles "poidan ter mecanismos de vida" e "de actividade laboral".

Desta forma, Caballero demandoulles á Xunta e ao Goberno que colaboren "para que a empresa Endesa manteña a actividade enerxética" e que o faga "con outras fontes enerxéticas alternativas", xa que "non hai futuro" na queima de carbón.

"Hai capacidade para esas centrais de adaptalas a novas fontes enerxéticas que permitan manter o emprego", insistiu o representante do PSdeG, que tamén animou a compañía para facer "un exercicio de responsabilidade social corporativa" que permita conservar os postos de traballo e "readaptar a súa produción" cara a unha "actividade máis limpa e que non entre en conflito cos niveis de emisións de CO2".

O secretario xeral dos socialistas galegos tamén trasladou que permanece en "contacto continuo" co ministerio de Transición Ecolóxica e co presidente en funcións, Pedro Sánchez, para tratar as posibles medidas a tomar para resolver este problema, do que culpou ao PP pola súa inacción durante os seus anos á fronte do Goberno central.

De acordo con Caballero, Mariano Rajoy "desprezou a aposta polas enerxías renovables" e seguiu unha estratexia "de curto prazo" que levou a que, coa chegada dos socialistas ao Executivo, non houbese "un traballo feito para permitir un novo mix enerxético en España" a pesar dos rigores en materia de emisións fixados desde a Unión Europea.