CRTVG

Buscar

O proxecto #InstaGal, finalista nos Premios Paraugas de Comunicación e Marketing

Publicado o 21/11/2019 14:35
O proxecto #InstaGal, finalista nos Premios Paraugas de Comunicación e Marketing

A CRTVG é finalista nos IV Premios Paraugas de Comunicación e Marketing de Galicia, creados polo Clúster Galego da Comunicación Gráfica para distinguir as mellores campañas, estratexias de creatividade, deseño, artes gráficas e editorial, e accións de mercadotecnia e comunicación de Galicia. A nominación fíxose pública hoxe en Santiago nun acto ao que asistiron Rosa Vilas, adxunta ao director xeral da CRTVG, e Alba Mancebo, xefa de Extensión Audiovisual da TVG.

#InstaGal foi elixido finalista na categoría de Premio ao Mellor Proxecto de Social Media. Todas as semanas proponse unha palabra nas historias de Instagram da Televisión de Galicia (@tvgalicia) para que os usuarios acheguen sinónimos que se empregan na súa zona. Desta forma, dáse a coñecer o uso dese termo nas distintas variedades dialectais da comunidade. Tras a recollida das participacións por parte dos usuarios e a análise desde o servizo de Asesoramento Lingüístico da CRTVG, publícase un vídeo tanto en Instagram como en YouTube en que se comenta a participación, a procedencia e o significado que se lle dá á palabra por toda Galicia.

Os gañadores das distintas categorías coñeceranse en directo na gala de entrega dos Premios Paraugas, o venres 29 de novembro en Ourense. Na mesma xornada tamén se celebrará o Foro de Comunicación de Galicia, con mesas redondas e relatorios de profesionais nestes eidos.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí