CRTVG

Buscar

O Programa Mundial de Alimentos da ONU, premio Nobel da Paz 2020

Publicado o 09/10/2020 11:41
O Programa Mundial de Alimentos da ONU, premio Nobel da Paz 2020

O Programa Mundial de Alimentos das Nacións Unidas recibirá o Premio Nobel da Paz 2020, segundo anunciou este venres o Comité Nobel noruegués, con sede en Oslo.

O premio da Paz, como o resto dos galardóns Nobel, entrégase o 10 de decembro, aniversario da morte do fundador destas distincións, Alfred Nobel.

A axencia da ONU merece o galardón "polos seus esforzos para combater a fame, pola súa contribución para mellorar as condicións de paz nas zonas afectadas por conflitos e por actuar como motor dos esforzos para previr o uso da fame como arma de guerra e conflito", dixo o Comité Nobel.

E agregou que con esta concesión "desexa volver os ollos do mundo cara aos millóns de persoas que padecen ou enfrontan a ameaza da fame".

O Programa Mundial de Alimentos (PMA) é a organización humanitaria máis grande do mundo que se ocupa da fame e promove a seguridade alimentaria e en 2019 brindou asistencia a preto de 100 millóns de persoas en 88 países, lembrou a entidade norueguesa.

O Comité Nobel referiuse á pandemia do coronavirus ao anunciar o seu galardón pois lembrou que "contribuíu a un forte repunte do número de vítimas da fame no mundo".

"O Programa Mundial de Alimentos demostrou unha capacidade impresionante para intensificar os seus esforzos" a raíz da situación creada pola pandemia.

O da Paz é o único dos seis premios que se outorga e se entrega fóra de Suecia, en Oslo, por desexo expreso de Alfred Nobel, xa que na súa época Noruega formaba parte do reino sueco.

Este galardón é o último anunciado esta semana, despois de que se coñecesen os correspondentes a Medicina, Física, Química e Literatura. A rolda pecharase a rolda co de Economía, o vindeiro luns.

Tanto os anuncios dos premios como a entrega serán nesta edición en formato reducido pola pandemia do coronavirus.