CRTVG

Buscar

O presunto agresor da cadela de Chantada optou por non prestar declaración na comparecencia xudicial

Publicado o 18/12/2019 14:34

Este é o momento en que o autor confeso do disparo que acabou coa vida da cadela Alma saía dos xulgados de Chantada, logo de acollerse ao seu dereito a non declarar ante a xuíza que leva o caso. Os feitos foran denunciados pola Garda Civil despois de que un particular gravase en vídeo esta escena o pasado 30 de novembro. A Consellería de Medio Ambiente puxo o caso en mans da Fiscalía Superior de Galicia, e tamén se presentan, como acusación particular, diferentes colectivos en defensa dos animais. É o caso da oenegué madrileña El Refugio, que opera no ámbito estatal e que estivo presente durante a comparecencia.

Nacho Paunero, presidende da organización El Refugio: "Non pode ser que unha persoa saia da súa casa armada, dispare a unha cadeliña e a maltrate de tal maneira que finalmente faleza. E por iso estamos aquí, nesta declaración como imputado. Queremos, ademais, darlles as grazas á Garda Civil, que fixo un atestado impecable, como á xuíza, que fixo unha instrución impecable. Nós temos experiencia nestas cuestións e é impecable. Ademais, vai haber declaracións tanto das testemuñas, en xaneiro, do veterinario, da Policía Local e da Garda Civil".

Polo de agora, non se lle impuxo ningún tipo de medida cautelar ao investigado, a pesar de que admitira perante a Garda Civil que lle disparara á cadela cunha escopeta da súa propiedade á beira da estrada N-540. Polo delito de maltrato animal, podería enfrontarse a 18 meses de cadea e a unha multa de ata 30.000 euros.

Noticias web

18/12/2019