O presidente dos hostaleiros de Lugo lembra que é prioritaria a saúde fronte ao impacto económico "gravísimo" do coronavirus

O presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría de Lugo (APEHL), Cheché Real, recoñece que o impacto da crise do coronavirus e das medidas para evitar que se propague será "grave" para o sector, pero lembrou que agora mesmo o prioritario é a saúde da poboación.
Real recoñeceu que é "algo que temos que pasar. Tocounos. É algo grave, gravísimo. Hai que seguir estritamente as normas que nos van ditando". E engadiu que "nos vai afectar moitísimo economicamente. O país enteiro, pero de forma especial o noso sector".
Tamén lembrou que "ao que nos enfrontamos é descoñecido, como nesas películas de extraterrestres que aparecen de súpeto e non se sabe como atacalos. Isto é algo parecido".
O dirixente dos hostaleiros lugueses entende por iso que "o primeiro é a saúde, salvagardar a saúde da poboación, da xente que nos rodea". Despois, dixo, "chegará a repercusión económica, pero agora hai que poñer barreiras sanitarias; é prioritario", concluíu.