CRTVG

Buscar

Piñera retira o exército da rúa e renova os ministros chilenos

Publicado o 26/10/2019 20:54

O presidente de Chile decidiu retirar o exército da rúa e renovar os ministros tras unha manifestación histórica contra a desigualdade. Piñera anunciou a súa intención de retirar o exército das rúas e pediulles aos ministros que poñan os seus cargos a disposición.

Estas decisións chegan logo dunha semana de protestas contra a desigualdade social e tras a manifestación que reuniu este venres arredor dun millón dúascentas mil persoas no centro de Santiago de Chile. Foi a marcha máis multitudinaria que se recorda desde as mobilizacións contra a ditadura de Pinochet.

O estourido social, que empezou entre os estudantes pola suba do prezo do metro, derivou na reivindicación de cidadáns de todas as idades de mellores salarios e pensións e prezos máis xustos para a luz, o gas, a educación universitaria e a saúde.

Os manifestantes esixiron ademais a marcha de Piñera pola represión e os excesos presuntamente cometidos polas forzas da orde, acusadas de homicidios e violencia sexual nesta semana de protestas.

O presidente, que empezara falando de estado de guerra, flexibilizou o seu discurso a medidos de semana para calmar as rúas co compromiso de adoptar medidas sociais, pero en ningún momento se fixo eco das peticións de dimisión.

Noticias web

26/10/2019