CRTVG

Buscar

O presidente da Sociedade de Inmunoloxía predí que non haberá inmunidade de grupo ata o Nadal

Publicado o 27/01/2021 21:02

Son moitos os esforzos que quedan por facer ata que estea protexida unha maioría da poboación. A evolución da pandemia mira de preto as mutacións do virus. En España, moi pendentes da variante británica nesta segunda onda.

O presidente da Sociedade Española de Inmunoloxía, Marcos López Hoyos, explica que "temos a cepa británica e sabemos que é moi infecciosa, co que esta onda parece que vai durar eu diría que todo o mes de febreiro".

A única arma para vencer o virus segue sendo a vacina. E engade "canto máis tempo perdure o coronavirus libremente, máis facilidade haberá para que poida mutar e poidan vir novas cepas. En principio, as vacinas funcionan".

Ve preciso un esforzo para protexer a poboación canto antes.

"O que pasa é que os datos indican que esta campaña de vacinación vai durar máis do desexado".

Por iso cre que imos estar todo o ano vacinando. A pandemia vai durar.

"Da Semana Santa temos que esquecernos. E xa veremos cando chegue o verán. A inmunidade de grupo, para o Nadal. Agardamos que para o Nadal teñamos o 70 % da poboación inmunizada grazas á vacina, pero vai custar", predí o presidente da Sociedade Española de Inmunoloxía.

Noticias web

27/01/2021