CRTVG

Buscar

O Prenda recoñece que gravou o vídeo dos presuntos abusos á moza en Pozoblanco

Publicado o 21/11/2019 15:30

Derradeiro día de xuízo, primeiro día de chuvia. A xornada presentábase con cambios... Cambios, para empezar, na acusación popular: "Á vista das periciais practicadas onte, é moi probable que modifique as miñas conclusións. E cara a arriba, sempre cara a arriba".

A avogada da asociación Clara Campoamor pedía para os acusados catro anos de cadea por atentar contra a intimidade da moza de Pozoblanco, e máis tres anos por abuso sexual. Pero agora para un deles pediu dous anos máis ao entender que houbo agresión sexual.

E cambios tamén nas conclusións da defensa, que agora ao final xa contempla non conseguir a absolución: "Non pode tomarse o vídeo como proba. E, no caso improbabable de que a súa señoría o acepte como proba, imos ofrecer unha solución alternativa".

Esa pena alternativa implicaría dous anos de cadea para José Ángel Prenda polo delito de maltrato de obra en concurso co delito de atentado á intimidade. E precisamente co Prenda, ao final, chegou outro cambio, porque falou.

O único que dixera no xuízo é que era inocente, pero agora foi o único dos catro que fixo uso do seu dereito á última palabra. Falou para recoñecer que fora el quen gravara os vídeos e que os difundira sen coñecemento dos outros acusados.

E así rematou a vista oral, que deixou tamén o cambio de que a Fiscalía rebaixara de sete a seis anos a petición de cárcere para La Manada polo caso de Pozoblanco.

Noticias web

21/11/2019