CRTVG

Buscar

O Prado, o Raíña Sofía e o Thyssen reabren as súas portas con limitacións

Publicado o 06/06/2020 21:40

Pecharon as súas portas tres días antes de decretarse o estado de alarma e esta fin de semana reabríronas por fin os tres grandes museos: O Prado, o Raíña Sofía, e o Thyssen con dous días de entrada gratuíta, con algunhas das súas propostas expositivas reordenadas, e con percorridos unidireccionais.

 Na tan ansiada normalidade está poder volver a estas salas, os seus corredores, e achegarse de preto ás obras, xa non virtualmente. Pero é unha normalidade diferente, con límite de público, con controis de temperatura, xeles hidroalcólicos e máscaras.
 
Baixo o título "Reencontro" O Prado reordenou as obras mestras dos seus fondos: Velázquez, Goya, Tiziano, Rubens, Caravaggio, El Greco.
Nestas primeiras horas de reapertura podíase ver a emoción dos que admiraban estes cadros coma se fose a primeira vez.

No Museo Raíña Sofía tamén os visitantes puideron reencontrase con obras emblemáticas algunhas moi recorrentes durante a corentena.
Aínda así moitos terán que esperar. O Prado, por exemplo, limitou o aforo a 1.800 visitas ao día. En condicións normais acudían preto de 10.000.

Noticias web

06/06/2020