CRTVG

Buscar

O PPdeG pídelle á oposición que se manifeste sobre o "roubo" a Galicia

Publicado o 22/01/2020 14:59

A viceportavoz parlamentaria do PPdeG, Paula Prado, esixiu ao PSdeG, Grupo Común da Esquerda e BNG, que se pronuncien sobre o "roubo a Galicia" que pretende acometer, ao seu parecer, o "Goberno socialista e comunista de Madrid".

En declaracións á prensa nos corredores do Parlamento, Paula Prado referiuse así á negativa de Moncloa a abonar a Galicia o diñeiro en concepto dunha mensualidade atrasada do IVE do ano 2017 e á prima correspondente ao cumprimento dos obxectivos do déficit ante o que esixe á oposición que se posicione.

Reaccións da oposición

O secretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, responsabilizou ao Goberno do PP, durante o mandato de Rajoy, desta situación: "É un asunto que afecta ao conxunto das comunidades autónomas, xerado por Montoro coa complicidade de Feijóo, que non quixeron resolver en 2019". 

A viceportavoz parlamentaria do Grupo Común da Esquerda, Luca Chao, censurou este mércores a negativa de Moncloa a abonar a Galicia os 200 millóns pendentes en concepto dunha mensualidade atrasada do IVE pero considerou que a vía para reclamalos é o "diálogo" e non as ameazas cos tribunais.

"Os problemas políticos soluciónanse dialogando politicamente" asegurou a deputada que admitiu que no seu grupo ven con "preocupación" a decisión do Goberno e consideran, por tanto, que é necesario "habilitar os mecanismos que sexan pertinentes para devolver os 200 millóns que foron recadados en Galicia".

Desde o BNG, o deputado no Congreso, Néstor Rego, instou a buscar unha solución: "Son recursos de todos os galegos e galegas, e ningún pretexto formal pode valer para xustificar un incumprimento destas características".

O voceiro de En Marea, Luís Villares, pediu que se reforme a norma que impide que se transfiran os cartos "porque o diñeiro está aí".

Noticias web

22/01/2020