CRTVG

Buscar

O PP tacha de "inaceptables" as condicións de Vox para investir a Juanma Moreno

Publicado o 09/01/2019 08:26

Esta tarde volve sentar con Vox a delegación do Partido Popular que, presidida por García Egea, negocia o apoio á investidura de Juanma Moreno como presidente da Junta de Andalucía.

Todo segue no aire tras unha reunión que onte se prolongou ata preto das once da noite e que rematou cun cualificativo: "Inaceptables". Así é como os negociadores do PP tildaron parte das 19 propostas de Vox, como a expulsión de 52.000 inmigrantes da comunidade ou a derrogación en Andalucía da Lei de violencia de xénero.

Teodoro García Egea, secretario xeral do Partido Popular: "O que si digo é que hai un pacto nesta materia que se levou ao Congreso, que ten presuposto, que se aprobou por parte de todas as forzas políticas. E se alguén ten algunha proposta para melloralo que a leve ao Congreso ou que a traia escrita, pero non podemos debater leis por Twitter ou derrogar leis nos estudios de televisión, e menos nun tema tan importante coma este".

No PP vasco, no de Valencia, tamén en Galicia, xorden voces contrarias a reabrir debates que, como o da violencia machista, consideran amplamente superados. E desde Xénova cualifican de "despropósito" algunhas das pretensións do partido de Abascal, que propón tamén eliminar a protección para o colectivo LGTBI e emendar o Estado das Automías coa recentralización de competencias en sanidade ou educación.

En Ciudadanos desmárcanse da negociación. Non sentan na mesa e seguen á espera de contar cos apoios para que se produza a remuda de Susana Díaz.

Albert Rivera, Ciudadanos: "Creo que ese cambio vai chegar. Creo que imos ser quen de poñernos de acordo e non priorizar as siglas, senón priorizar o cambio".

Hoxe mesmo, non se sabe se antes ou despois da reunión do PP con Vox, os líderes andaluces de PP e Ciudadanos tiñan previsto rubricar o acordo que reparte as áreas de goberno entre as dúas formacións.

Noticias web

09/01/2019