CRTVG

Buscar

O PP pacta con C's e Vox para garantir a presidencia de Juanma Moreno

Publicado o 10/01/2019 08:12

Hai acordo para o cambio en Andalucía. O PP asinou onte senllos pactos con Ciudadanos e con Vox que garanten a presidencia da Junta para Juanma Moreno. O vicepresidente será o líder de Ciudadanos, Juan Marín, que di que non se sente concernido polo pacto con Vox. Os de Santiago Abascal amosan satisfacción, pero nin entrarán no executivo nin conseguiron o seu propósito de derrogar a leis contra a violencia de xénero. A presidenta do Parlamento comezará hoxe mesmo a rolda de consultas previa á convocatoria da sesión de investidura. 

Juanma Moreno, presidente do PP de Andalucía: "Creo que é un día en que acatamos con dignidade, pero tamén con disciplina, o mandato que nos fixeron os andaluces o pasado dous de decembro para facer o cambio na nosa terra. E, polo tanto, dígoo, hoxe é un día positivo".

Moreno Bonilla será proposto hoxe polo PP como candidato á investidura en Andalucía, despois de garantir o apoio de Ciudadanos e de Vox. A sinatura do acordo coa formación de Santiago Abascal formalizábase en Sevilla onte ao serán, despois de longas horas de negociación en Madrid. Entre os compromisos adquiridos do PP con Vox está derrogar a Lei da memoria histórica en Andalucía, crear unha consellería de Familia ou garantir a pervivencia da educación privada que segrega por sexos.

Javier Ortega, secretario xeral de VOX: "Hoxe perden as leis liberticidas, a inmigración ilegal, a corrupción os chiringuitos, a administración paralela..."

Pero Vox non logra a pretensión inicial de derrogar a Lei contra a violencia de xénero. O PP di que se abre unha etapa en que calquera proposta terá que debatida e negociada. Ciudadanos intenta desvincularse do acordo von Vox.

Juan Marín, voceiro de Ciudadanos en Andalucía: "O que si lle deixei moi clariño é que, en ningún momento, eses acordos poderían vencellar o Goberno nin modificar o acordo de 90 medidas que puxemos en marcha".

Juan Manuel Moreno Bonilla será o presidente Andalucía a semana que vén.

Noticias web

10/01/2019