CRTVG

Buscar

O PP ofrécelle a Vox as primeiras concesións en violencia de xénero

Publicado o 04/01/2019 15:08

En Andalucía, seguen as negociacións para formar goberno. PP e Ciudadanos acordaron xa reducir o número de consellerías se se fan coa Junta. Pero para chegar ata aí teñen que conseguir antes o apoio de Vox na investidura. O Partido Popular fíxolle hoxe unha oferta: emendar a Lei de violencia de xénero para incluír tamén os homes.

Vox insiste: se queren os votos dos seus 12 deputados, o Partido Popular e Ciudadanos teñen que sentarse con eles a negociar. Se non, votarán en contra da investidura de Juanma Moreno. Nin sequera descartan repetir as eleccións.

O PP anunciou que hoxe mesmo chamará o secretario xeral de Vox para negociar, e filtra á prensa unha oferta: ampliar a actual lei de violencia de xénero andaluza para que poidan percibir axudas todas as vítimas de malos tratos no ámbito doméstico, incluíndo así os homes. Iso si, os populares din que esta reforma ten que vir tras a investidura.

Dende Ciudadanos aseguran que o acordo asinado co PP está pechado e que non van sentar a negociar con Vox.PP e Ciudadanos anunciaron hoxe que, se gobernan, van reducir o número de consellerías e de delegados territoriais nas oito provincias.










 

Noticias web

04/01/2019