CRTVG

Buscar

O PP e díscolos do PSOE arrebátanlle a alcaldía ao BNG en Viana do Bolo

Publicado o 01/09/2020 16:33

Prosperou, esta mañá, a moción de censura que desaloxa á fronte do consistorio de Viana do Bolo o alcalde nacionalista. Secundino Fernández levaba de alcalde cinco anos. A moción estivo avalada polos concelleiros do PP e por dous edís non adscritos que saíron do PSOE no mes de xullo. Agora, o bastón de mando compartirano un deses antigos concelleiros socialistas, Abelardo Carballo, co voceiro do PP, Andrés Montesinos. Gobernarán ano e medio cada un.

Primeiro, Carballo gobernará durante ano e medio, tras o cal cederá o posto ao portavoz do PP, Andrés Montesinos, quen terminará a lexislatura. O ata agora rexedor de Viana, Secundino Fernández, criticou esta operación porque foi levada a cabo por "persoas que traizoan os seus votantes", segundo trasladou á saída do pleno celebrado este mediodía.

O nacionalista reprobou esta estratexia porque con ela "venden o voto que lles deron os veciños" nos comicios celebrados fai algo máis dun ano para "volver meter no goberno ao Partido Popular, que perdeu as eleccións dúas veces seguidas mesmo baixando cada vez máis en votos", referiu.

As eleccións municipais do 2019 colocaron ao PP como primeira forza de Viana do Bolo con catro concelleiros, os mesmos que o BNG, que conseguiu gobernar desde o inicio do mandato grazas aos tres conseguidos polo PSOE (a portavoz socialista, María Páez, será agora a única que represente a este partido no Concello).

A presión dos nacionalistas nos últimos días, con pancartas, publicacións en redes sociais e mesmo a presentación dun escrito, non serviu finalmente para frear unha moción que se veu xestando desde finais de xuño.

Un dos dous concelleiros tránsfugas do PSOE, que será rexedor vianés durante ano e medio, Abelardo Carballo, destacou, sobre a xestión do seu antecesor, que "así non se pode levar un Concello". Aínda que dixo non ter "nada contra" Fernández, apuntou que "as súas formas non son as correctas e Viana merece outra cousa".

Segundo o ex-socialista, a separación comezou porque no último ano, Fernández "non aceptou ningunha das mocións" que se presentaron cando estaba no PSOE, incluso "algunhas" delas "chegou a votalas a favor, pero non as levou a cabo como alcalde". "Iso indígnanos", apostilou. Pero a pinga que colmou o vaso "foi que durante a pandemia desapareceu de Viana". "A xente estaba a pedirlle que había que desinfectar e el desde Lugo sempre dicía a mesma historia: que non era necesario", sentenciou.

O portavoz municipal do PP, Andrés Montesinos, quen tomará o bastón de mando dentro de ano e medio, cualificou os nacionalistas de "ditadores" e abundou que "o demostraron coa súa mala educación, pondo carteis e demais". Montesinos manifestouse "moi satisfeito de poder quitar" a Secundino Fernández e aclarou que o compromiso dos ex-socialistas e os populares é o de "levar Viana adiante e gobernar entre os dous grupos".

A edil socialista que votou en contra da moción, María Páez, cualicou os feitos como nunha "moción orquestrada por Manuel Baltar". O pleno para debater a moción de censura celebrouse este mediodía na Casa da Cultura de Viana do Bolo ante un cheo absoluto coas 75 butacas dispoñibles ocupadas e unha gran cantidade de xente nos arredores do recinto.

Noticias web

01/09/2020