CRTVG

Buscar

O positivo dun profesor obriga a confinar 200 nenos dun colexio de Vigo

Publicado o 05/11/2020 15:36

O positivo dun profesor do Colexio Apóstolo Santiago, en Vigo, obriga a confinar 200 alumnos do centro. Son rapaces de oito aulas de 3º e 4º de primaria.

Segundo fontes da escola, esta semana detectábase o contaxio dun dos mestres, e nun primeiro momento só se illaron os seus contactos estreitos, pero logo de que dous dos alumnos deran tamén positivo a Consellería de Educación decretou a corentena preventiva para os 200 rapaces dos dous cursos en que dá clase este mestre. 

Polo de agora, os pais dos nenos non están confinados, pero teñen que quedar na casa para coidar dos seus fillos, así que, unhas 500 persoas poden verse afectadas por esta corentena, que ten unha duración de dez días.

Na actualidade estanse realizando as probas PCR de todos eles, e aínda que dean negativo terán que seguir illados para, despois deses dez días, realizárselles unha segunda proba. En caso de ser negativa xa poderían incorporarse ás aulas.

O centro alzandou os 19 contaxios, segundo as cifras trasladadas polas autoridades sanitarias. A situación que se vive no centro obrigou a decretar o peche de polo menos nove unidades nestas instalacións, aínda que de momento o Sergas non considerou necesario clausurar o inmoble. 

A área de Vigo suma, en total, polo menos 360 contaxios confirmados polo Sergas en instalacións educativas e que levaron a pechar unhas 20 aulas. A incidencia en Galicia ascende xa a 1.256 casos en escolas, institutos e gardarías, tanto públicas como privadas.

Ademais do gromo do Apóstolo Santiago, o Concello de Vigo conta con outros casos preocupantes de centros con contaxios, como o CEIP San Salvador que suma unha decena de positivos. Así mesmo, o CPI da Cañiza conta con oito positivos o CPR Plurilingüe Lareira de Mos mantén nove.

Ademais de Vigo, as áreas da Coruña, Santiago e Ferrol son as que rexistran o maior número de positivos nas instalacións educativas. Precisamente, a zona de influencia da cidade herculina suma 204 positivos e sete aulas pechadas, aínda que o centro con máis casos é o IES Maximino Romero de Lema, do municipio de Zas, con nove positivos.

En Compostela, que conta con 153 positivos e seis aulas pechadas en todo a área, os centros máis afectados son o CEIP Pío XII (oito), o CPR Plurilingüe La Salle e CPR Plurilingüe San José de Cluny, ambos con seis.

A área de Ferrol conta xa con 151 casos confirmados, ademais de cinco aulas pechadas. Entre eles, destacan os sete positivos do CIFP Ferrolterra e do Sofía Casanova, ou o oito do IES Leixa e do Terra de Trasancos de Narón.

Lugo, con 139 positivos, conta co único centro pechado: a escola infantil Golfiños, con cinco contaxios. Tamén conta con varios gromos no CEIP Vista Alegre de Burela e no CPR Cervantes de Lugo, ambos con seis positivos e unha aula pechada, ademais do once casos do Lucus Augusti.

Finalmente, a área de Pontevedra rexistra 136 positivos, sete deles no IES Gonzalo Torrente Ballester (cunha aula pechada) e Ourense 113 e sete unidades clausuradas.

Noticias web

05/11/2020