O porto de Vigo bate a marca peninsular cun cargamento de 16.000 toneladas de aluminio nun só barco
O porto de Vigo bate a marca española ao recibir 16.000 toneladas de aluminio nun só barco. A descarga da mercadoría supón unha operativa excepcional de máis de 600 camións durante catro días.
Ata o martes da semana que vén, este peirao do Areal non coñecerá o descanso. Nunca antes un porto da Península Ibérica recibira tanta cantidade de mercadoría, 16.000 toneladas, nun só barco.
Máis de 600 camións transportarán este aluminio procedente de Mozambique, o metal coñecido como o 'ouro portuario', cara ás industrias transformadoras da automoción, dos materiais de construción e dos envases do noroeste peninsular.
O vindeiro cargamento será de 6.000 toneladas, unha cantidade moi superior á media mensual dos últimos anos, pero non desbotan volver repetir este fito.