CRTVG

Buscar

O Poder Xudicial amósalle ao Goberno o seu "enorme pesar" pola ausencia do rei na entrega de novos despachos

Publicado o 25/09/2020 14:56

Foi o presidente do Tribunal Supremo e do Consello Xeral do Poder Xudicial o encargado de trasladar, en nome de toda a xudicatura, o seu enorme pesar pola ausencia do rei neste acto. Carlos Lesmes dixo ante todo o auditorio que o seu lamento "non só obedece ao feito de se rompe cunha tradición de máis de vinte anos. Vai moito máis alá do protocolario, ten unha enorme dimensión constitucional e política".

Tamén os propios protagonistas da cerimonia, os 62 novos xuíces, quixeron facer constar a súa queixa. A número 1 da promoción, Cristina Menéndez, contou que tiñan a ilusión "de culminar este camiño cun acto que hoxe viuse deslucido, ata o punto de contar coa ausencia dalgúns compañeiros de promoción que por diferentes motivos séntense desencantados".

A decisión de que o rei non asistise tomouna o G oberno, pero segue sen aclarar as razóns. "Son razóns que ocupan ao día a día e que neste caso convertéronse en novidade política por algunha razón allea ao rei Filipe VI e ao Goberno de España", explicou a vicepresidenta primeira do Goberno, Carmen Calvo.  

Dende Podemos, aplauden a súa falta. O presidente do grupo de Unidas Podemos no Congreso declaraba nunha entrevista que "sería fantástico que non viñese nunca máis o rei a Cataluña. Cada vez que vén abre unha ferida".

Pero a oposición demanda explicacións. Para a presidenta de Ciudadanos, Inés Arrimadas, "o Goberno ten que dar a cara, basta xa de agocharse. Estamos fartos das humillacións á coroa".

Simbolicamente, o acto rematou cun "Viva o rei".


 

Noticias web

25/09/2020