CRTVG

Buscar

O plan de vialidade invernal mobiliza 95 camións quitaneves en Galicia

Publicado o 31/10/2019 13:07

A Delegación do Goberno en Galicia activou o plan de vialidade invernal na rede de estradas do Estado na comunidade autónoma, que mobiliza 95 camións quitaneves, dous máis ca o ano pasado para a provincia de Ourense, e conta con 306 operarios de mantemento.

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, presidiu este mediodía a firma do protocolo de coordinación que activa este plan de vialidade invernal, que se poñerá en marcha mañá, 1 de novembro, e que se estenderá ata o 30 de abril.

En declaracións aos medios de comunicación, Losada explicou que a pretensión é que "os 2.500 quilómetros de estradas do Estado en Galicia poidan dar resposta a condicións extremas e que os automobilistas que circulan o fagan con toda a seguridade precisa e necesaria".

Dos 95 camións quitaneves, 64 son convencionais e 31 son camións esparcidores de salmoira, e cóntase tamén con 3.100.000 litros de salmoira e 24.400 toneladas de sal, 400 toneladas máis ca na anterior campaña.

A firma contou coa asistencia do xefe da Garda Civil, Luís Francisco Rodríguez; do tenente coronel xefe do Sector de Tráfico da Garda Civil de Galicia, Francisco Javier Molano; da xefa provincial de Tráfico da Coruña, Vitoria Gómez, e do xefe da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, Ángel González del Río.

O obxectivo do protocolo é reducir todo o posible o número de tramos con restricións ao tráfico e evitar as retencións de vehículos, ou, no seu caso, minimizar a súa duración.

Así, establécese a organización dos servizos, medios e recursos da Administración Xeral do Estado dispoñibles no ámbito de Galicia e que, ante a predición de situacións meteorolóxicas extremas, resulte necesario mobilizar para asegurar a vialidade na rede de estradas que suma 2.500 quilómetros entre autoestradas, autovías e estradas convencionais.

Tamén se especifican os mecanismos de información, coordinación e cooperación cos órganos e autoridades da Xunta de Galicia e das distintas administracións locais.

Ademais, o plan determina os tramos de estradas que poden resultar máis conflitivos en caso de nevadas, os Postos de Mando Avanzados que se establecerán; as zonas para estacionamento de vehículos no caso de peche ou restrición do tráfico, e os Centros de Conservación e Explotación onde se sitúan as máquinas quitaneves e outros equipamentos.

Por outra banda, Losada reclamou "prudencia, sentido común e responsabilidade" aos usuarios das vías no inicio da Operación Especial do 1º de novembro que comeza este xoves, para o que a DXT prevé uns 482.000 desprazamentos durante os tres días da ponte, aos que haberá que sumar os miles de desprazamentos curtos que se derivan desta festividade.

A DXT poñerá en marcha desde as 15.00 horas deste xoves o dispositivo e o delegado do Goberno lembrou que se está desenvolvendo unha campaña especial de prevención de atropelos. 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí