CRTVG

Buscar

O Pereiro de Aguiar incrementou a poboación un 20 por cento desde o ano 2000

Publicado o 11/02/2020 14:24

En dúas décadas, o concello ourensán do Pereiro de Aguiar incrementou a súa poboación un 20 por cento. As facilidades para o acceso á vivenda, o emprego e a calidade de vida son algunhas claves deste crecemento que contrasta coa tendencia xeral no resto da provincia.

Só nesta urbanización de vivendas de promoción pública viven arredor de 200 persoas. A maioría, veciños novos do Pereiro de Aguiar que viron no prezo unha oportunidade: "Elixímolo porque era unha VPO e saía moi ben de prezo. A vantaxe que ten, xente que lle guste o ciclismo, para as mascotas e se tes nenos. Que poidan saír á rúa libremente é impagable, en Ourense non podes facelo", comenta un veciño.

O Pereiro de Aguiar, con San Cibrao das Viñas, Barbadás e Allariz, son os catro concellos da provincia de Ourense que teñen un crecemento sostido. Desde o ano 2000, O Pereiro aumentou a poboación un 20 por cento; de menos de 5.000 habitantes no 2000, a máis de 6.000, segundo o último padrón.

O número de nacementos duplicouse en dúas décadas. Na que lle chaman a Aula D'abaixo, habilitada no colexio público, o concello atende, de xeito gratuíto, máis de cen cativos para facilitar a conciliación laboral e familiar dos pais.

Ana Gómez, responsable do servizo de conciliación: "Durante o curso temos matriculados 103 rapaces e rapazas que usan o servizo en determinadas quendas, pola mañá ou pola tarde".

O emprego é unha das claves da atracción de poboación neste concello da área metropolitana de Ourense. O polígono industrial dálles traballo a 4.000 persoas.

Eduardo Cid, presidente do polígono do Pereiro de Aguiar: "Aquí créase emprego todos os anos. Hai empresas moi grandes e outras pequenas. Temos uns 4.000 empregados en épocas normais, aínda que temos chegado aos 4.500". 

Tamén apostan pola recuperación do contorno natural. Un conxunto de medidas encamiñadas a atraer poboación ao rural e inverter a tendencia que reflicten os últimos datos do Instituto Galego de Estatística, segundo os que o 80 por cento dos concellos galegos perderon poboación no último ano.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/02/2020