O pazo de Meirás reinvindicará a democracia e a figura de Pardo Bazán
A vicepresidenta primeira do Goberno Carmen Calvo anunciou esta tarde que o pazo de Meirás abrirá as súas portas ao público para "contar a verdade" do paso de Franco polo inmoble con perspectiva democrática e tamén para reivindicar a figura da escritora Emilia Pardo Bazán.
Calvo mantivo unha reunión na Delegación do Goberno de Galicia, na Coruña, co presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo e co resto de administracións implicadas na entrega mañá do pazo de Meirás a Patrimonio do Estado.
As administracións quedaron en buscar unha fórmula xurídica provisional para reabrir o edificio ao público ata que haxa senteza firme do Tribunal Supremo.
Esa reapertura podería producirse dentro dun mes ou mes e medio e devolveralle o protagonismo do lugar a Emilia Pardo Bazán sen enaltecer nin ocultar que foi tamén destino de verán de Francisco Franco.
Feijóo di que esa é a esencia de Meirás e que as torres poden ser un faro para España e Europa da igualdade da muller e as letras representadas na escritora. A propiedade do pazo para patrimonio do estado ou para a Comunidade Galega dirimirase tras esgotar todas as instancias xudiciais. As administracións hoxe falaron sobre todo de colaboración.
Mentres, Sada pediu completar o inventario e crear un "consorcio ou unha fundación" con participación das administracines implicadas, ademais de asumir a xestión das visitas.