CRTVG

Buscar

O pavillón de Galicia en FITUR ofrecerá un percorrido virtual polos dez Camiños de Santiago

Publicado o 17/01/2020 15:00

Os responsables de Turismo consideran que a participación en eventos coma FITUR é clave para a promoción de Galicia como destino. Din que os resultados avalan esta estratexia porque na última década duplicouse o número de turistas estranxeiros.

En vésperas do Xacobeo 2021, o reclamo principal o pavillón de Galicia na edición de FITUR 2020 vai ser o Túnel do Camiño, un espazo que coa axuda da tecnoloxía permitirá que os visitantes transiten polas dez rutas oficiais do Camiño de Santiago que hai en Galicia.

Amais desta inmersión virtual, nos preto de mil metros cadrados do pavillón galego haberá espazo para degustacións gastronómicas, postos informativos e máis de 40 presentacións temáticas. O ano pasado Turismo de Galicia realizou cen accións promocionais semellantes en 31 paises e, segundo os responsables de Turismo, os resultados avalan esta estratexia porque se consolidou o turismo de proximidade e na última década duplicouse o número de visitantes estranxeiros. Fidelizáronse os mercados habituais - Portugal, Alemaña, Francia e Italia e abríronse outros coma o dis Estados Unidos, que medrou un 393% na última década, segundo os datos facilitados pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, na presentación do pavillón de Galicia en FITUR 2020. 

Agardan que nesta nesta edición, que comeza o próximo mércores, supere os 76.000 visitantes do ano pasado, e que iso siga repercutindo no crecemento dun sector que supón xa preto do 10% PIB de Galicia.


 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/01/2020