CRTVG

Buscar

O patrimonio público recupera Meirás tras 82 anos en mans dos Franco

Publicado o 11/12/2020 11:04

• "É un día que xustiza histórica", asegurou a avogada xeral de Estado

O empeño da sociedade civil recobra un ben arrebatado pola ditadura "nun acto de mala fe"

 

Unha xornada de continuo ir e vir nos arredores das torres de Meirás que comezaba coa entrada da comitiva xudicial no pazo. Nas súas mans, as chaves que simbolizan a volta do pazo ao patrimonio público despois de que a xustiza ordenara a execución provisional da sentenza que obriga a familia Franco á devolución desta propiedade que disfrutou nos últimos 82 anos.

Técnicos de Patrimonio da Xunta de Galicia comprobaron previamente que todos os bens inventariados seguían no edificio, antes de proceder á recepción do inmoble.

Para unha firma histórica escolleuse unha biblioteca situada na torre da Quimera, un lugar de referencia para a obra de Emilia Pardo Bazán.

O acto de entrega das chaves, por parte da xuíza Marta Canales, tivo lugar no propio inmoble con presenza de membros da Avogacía do Estado e letrados das partes acudidas na causa xudicial contra a familia do ditador. Non houbo ninguén en representación dos Franco, que este mércores xa depositaron no xulgado as chaves do inmoble, que pasa ao Estado tras a execución provisional da sentenza que lles condenou.

A firma do documento de entrega produciuse despois de que técnicos da Xunta que realizaron o inventario de bens (un total de 697, entre obxectos particulares ata numerosas pezas de valor histórico e artístico) verificaran, durante máis de dúas horas, que os que se recollen no mesmo están en igual estado que cando se realizou a inspección ocular.

Con todo, a Avogacía do Estado aclarou que dous dos bens que constan neste inventario, a Casa das Cunchas e o hórreo anexo ao inmoble, non forman parte dos elementos reclamados pola Administración. A avogada xeral do Estado, Consuelo Castro, explicou que non están incluídos na súa demanda contra os Franco ao facer a mesma só alusión ao incluído dentro do recinto amurallado.

Decretouse a apertura dun prazo de 20 días hábiles para que a Administración Xeral do Estado determine que bens deben ser entregados aos demandados. E é que, nun auto, o xulgado xa avanzara que os Franco só poderían retirar os estritamente persoais e os que non comprometesen os futuros usos do pazo, que estarán vinculados, segundo avanzou a vicepresidenta primeira do Goberno, Carmen Calvo, tras unha reunión con Xunta, Deputación da Coruña e Concello de Sada, ademais do consistorio coruñés, a explicar "a verdade do paso de Franco con perspectiva democrática" e a reivindicar a figura da escritora Emilia Pardo Bazán.

"É un día que deixa unha sensación de xustiza histórica", resumiu a avogada xeral de Estado, Consuelo Castro Rey, nunha comparecencia xunto á subsecretaria do Ministerio de Facenda, María del Pilar Paneque, e os avogados do Estado que asumiron a presentación da demanda xudicial contra os Franco, Javier Suárez e Adela Álvarez.

Consuelo Castro expuxo que a entrega das chaves se produciu por parte da xuíza unha vez que os técnicos comprobaron que os bens do pazo axustábanse ao recollido no inventario. Da entrega, destacou que se produciu "no Día Internacional de Dereitos Humanos, unha significación en termos de memoria democrática". 

A avogada xeral do Estado asegurou que supón "a devolución dun ben ás mans das que nunca debeu de saír, o Estado". "E simbólicamente volveu ás mans dos cidadáns galegos e dos coruñeses", dixo aludindo ás doazóns forzosas que a sentenza considerou probadas.

Consuelo Castro manifestou que, no seu caso, dálle pena que a figura de Pardo Bazán queda "enterrada polo paso da ditadura" e, por iso, considerou necesario, á marxe doutros usos, dar a coñecer tamén o que supuxo "na vida cultural do século XIX" este pazo. "Non esquecer o paso da ditadura, pero é imprescindible rescatar a pegada de Emilia", recalcou.

Tras dela o pazo pasa a ser patrimonio público. O Estado será o depositario dos bens ata que non haxa unha sentenza definitiva tras do recurso presentado polos Franco.

No exterior do pazo, expectación mediática ante un acontecemento histórico. Alí, os denominados 19 de Meiras que hai tres anos ocuparon simbolicamente o pazo pediron a anulación do proceso xudicial que iniciou a familia Franco contra eles. Ducias de xornalistas e ata veciños da zona que non quixeron perder un momento, para eles, especial.

 

Noticias web

11/12/2020

Máis sobre actualidade