CRTVG

Buscar

O Parrulo golea o Peñíscola. O Burela deixa escapar a vitoria ante o Osasuna nos minutos finais

Publicado o 12/01/2020 12:26

Un gol en propia meta de Alex Diz frustrou a primeira vitoria do Burela ante o Osasuna. Faltaba un minuto para rematar o partido. Os de Juanma Marrube a piques estaban de sumar un triunfo vital para abandonar a última praza. Non foi así. E iso que os mariñáns conseguiran darlle a volta a un marcador que se abría con este tanto de Saldise. Matamoros primeiro e Lucho apenas tres minutos despois poñían o Burela por diante ante un Osasuna que, malia non facer o mellor partido en Vista Alegre, rescatou un punto que o deixa na sexta praza da táboa.

Moito máis abultado foi o resultado da Malata, onde o Parrulo se impuxo por 5 a 2 ao Peñiscola nun gran partido marcado pola boa actuación de Adri e que rompe a mala xeira de resultados dos ferroláns. O Parrulo encontrou con facilidade o xeito de facerlle dano ao rival, que a través de Claudino conseguiu igualar o marcador tras o gol de Adri. Saura volveu adiantar os locais antes do descanso. Á volta dos vestiarios os de Héctor Souto encarrilaron o duelo con tres goles en cuestión de minutos anotados por Saura, Adri e Chis. O Parrulo aguantou sen demasiados apuros os minutos finais, malia a expulsión de Chemi. Ía ser Tuli o encargado de deixar o marcador nun 5-2. Os ferroláns son novenos, a tres puntos dos postos de play off.
 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

12/01/2020