CRTVG

Buscar

A Seguridade Social bate un récord histórico con 19,5 millóns de cotizantes en xuño

Publicado o 02/07/2019 14:09

• O paro baixa en 63.805 persoas, a menor caída mensual desde 2009

• En Galicia redúcese en 5.556 persoas 

Co pulo da temporada estival, o sector servizos e os maiores de 25 anos lideran a caída do paro no mes de xuño. En Galicia, deixa 5.556 desempregados rexistrados menos. O descenso é do 3,4%, un punto por riba da media estatal, ata un total de 155.249.

Covadonga Toca, a secretaria xeral de Emprego da Xunta, destaca o dato anual que, di, lidera a baixada do paro. ""O descenso é de 14.816 persoas con respecto ao ano pasado. o que supón unha baixada dun 8,7 por cento, máis de catro puntos por riba do conxunto da media do Estado".

No conxunto de España, o paro cae en 63.805 persoas, o menor descenso dun mes de xuño desde 2009. Con todo, o total dos desempregados rexistrados, preto de tres millóns, é o máis baixo dos últimos once anos. Desde xuño do ano pasado saíron das listas 146.476 persoas.

A ministra de Traballo en funcións, Magdalena Valerio, di que está "relativamente satisfeita cos datos do paro. Sobre todo son moi bos os datos de afiliación. Por primeira vez en toda a serie histórica pasamos dos dezanove millóns e medio de persoas afiliadas".

A Seguridade Social marca así un novo récord. En xuño sumou 75.584 ocupados, preto de 6.800 en Galicia, superando o millón de afiliados.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

02/07/2019