CRTVG

Buscar

O paro baixa en Galicia un 8,63% no 2018 e sitúase nos 179.895 desempregados

Publicado o 04/01/2019 09:29

• En España baixa en 226.403 persoas e acada cifras do ano 2008

• A Seguridade Social pecha o ano con 19.024.165 afiliados de media

• Máis de 5.000 contratacións en Galicia na campaña de rebaixas

Galicia rematou 2018 con case 16.000 parados menos. É a terceira comunidade onde máis baixou o paro, cun descenso de oito puntos e medio. No conxunto de España hai 3 millóns 200.000 parados, a cifra máis baixa en nove anos. E a Seguridade Social supera os 19 millóns de ocupados por primeira vez dende 2007.

2018 remata como sexto ano consecutivo no que baixa o paro. É o menor descenso dende que comezou a tendencia, en 2013, pero deixa a cifra de desempregados nos niveis máis baixos en nove anos. E Galicia destaca como a terceira comunidade onde máis baixou o paro, por detrás de Castela e León e Estremadura. Hai 15.700 parados menos. É un descenso de oito puntos e medio, ata os 169.295 desempregados.

No conxunto de España, o 2018 rematou con 210.484 parados menos. É un descenso dun 6,1%, ata un total de tres millóns 200.000 desempregados. Ademais, creáronse máis de medio millón de empregos, sobre todo en construción, educación e sanidade. A Seguridade Social supera os 19 millóns de ocupados, o segundo mellor dato da serie histórica, só superado en 2007. En Galicia hai un millón seis mil ocupados, despois de darse de alta máis de 20.000 novos traballadores en 2018.

 

Noticias web

04/01/2019