CRTVG

Buscar

Feijóo pide "estar á altura" e recórdalle á sociedade: "Non estades sós"

Publicado o 26/03/2020 12:48

• O presidente defende a anticipación do seu Goberno e anuncia máis medidas

• A oposición destaca a reacción do pobo galego e lamenta os recortes en sanidade

 

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pediulle hoxe ao conxunto das forzas políticas "estar á altura" da situación "sen precedentes" xerada polo coronavirus e tivo unha mensaxe para o conxunto da sociedade e en especial para os maiores: "Non estades sós (...) Volverán os días bos".

"Parece que existe un consenso en que se minusvalorou o risco e as consecuencias do virus dada a situación na China, en Italia... Pero non é momento de reproches, non os escoitarán de min, non son estes os momentos de ver o que se podía facer, senón de ver o que se pode facer xuntos", dixo Núñez Feijóo no Parlamento galego.

O presidente comparece nunha sesión reducida da Deputación Permanente sobre o coronavirus na cámara autonómica, que continuará disolta a pesar de que non se celebrarán as eleccións previstas inicialmente para o 5 de abril, e na que só participan el e os portavoces dos cinco grupos parlamentarios, ademais de integrantes da Mesa.

A sesión comezou cun minuto de silencio en memoria das persoas falecidas pola pandemia do coronavirus e como solidariedade con todas aquelas que están a padecer a enfermidade, ao que se sumou posteriormente Núñez Feijóo nas súas primeiras palabras.

O presidente da Xunta defendeu que a anticipación do seu Goberno está a permitirlle á comunidade afrontar a crise do coronavirus e anunciou novas medidas, como a contratación de máis persoal, a compra de máis material e o aprazamento do pago de impostos.

"Dicir que non nos anticipamos non o merece Galicia; fixémolo en moitas medidas de sanidade, de provisión e de compra", asegurou nunha sesión reducida da Deputación Permanente na Cámara autonómica ante as críticas neste sentido dos grupos da oposición.

Os portavoces dos grupos da oposición no Parlamento galego mostraron o seu apoio e colaboración á Xunta na loita contra o COVID-19, pero cuestionaron que o Goberno galego actuase con anticipación na crise do coronavirus, criticaron a xestión nas residencias e reclamaron máis medidas sociosanitarias e económicas.

Núñez Feijóo insistiu en que "o peor desde o punto de vista asistencial, nas UCI, está por chegar (...) Veñen semanas moi duras no ámbito sanitario", advertiu, porque a porcentaxe de contaxios por cada cen mil habitantes en Galicia é a metade que a media do conxunto de España.

Ante esta situación, para tentar loitar contra a pandemia do coronavirus e tratar de paliar as súas consecuencias sanitarias, sociais e económicas, o presidente anunciou a posta en marcha de novas medidas que serán aprobadas na reunión ordinaria que o Goberno galego celebrará mañá venres.

En canto ao material, "que continúa sendo a primeira preocupación" da Xunta, Núñez Feijóo explicou que haberá autorización para novas contratacións por 7 millóns de euros -máscaras, luvas, batas e tests de extracción e diagnóstico "todos os que se poidan conseguir", sinalou.

Dixo que comprende as dificultades do Ministerio de Sanidade, ao que mostrou a súa "lealdade", para facerse con material e distribuílo pero "ver que non acaba de chegar e que o que chega é escaso acrecenta a preocupación que comparten os profesionais".

Ademais, en canto á contratación de persoal sanitario, avanzou que a Xunta sumará outros 145 profesionais (médicos pero tamén outras especialidades) e a 22 enfermeiras máis que son aínda residentes de último ano pero que están a piques de concluír a súa formación e que se sumarán aos 189 médicos e enfermeiras xa autorizados.

Núñez Feijóo avanzou que a Xunta aprobará mañá a suspensión de prazos de presentación do imposto de transmisións patrimoniais, de sucesións e tributos do xogo. Non terán que ser presentadas ata o 30 de xuño e, en caso de extensión do estado de alarma, ata un mes despois de que se levante.

Na súa intervención, ademais, incidiu en que "unha das causas da propagación nos primeiros días foi o éxodo de miles de persoas que chegaron a Galicia de boa fe, dado que non estaba prohibida a súa circulación".

"En que Estado democrático se pode anunciar un estado de alarma sen activalo e deixar que en dous días -ata a súa activación e limitación de circulación de persoas- Galicia se encha de persoas nas Rías Baixas?", cuestionou.

Durante a comparecencia de Núñez Feijóo tanto os representantes de PSdeG, Grupo En Común, BNG e Mixto como o do PPdeG mostraron o seu orgullo pola reacción do pobo galego ante a situación de crise, principalmente dos profesionais sanitarios e doutros empregos esenciais, e mostraron o seu apoio e pésame ás familias dos falecidos e dos contaxiados.

O portavoz do PSdeG, Gonzalo Caballero, reclamou medidas sanitarias para evitar o colapso nas  UCIs e nos hospitais e sinalou que é momento de apostar por unha "sanidade pública" para que sirva como "escudo protector" nesta situación porque "cada euro investido na sanidade pública tería evitado as tensións que hoxe existen", dixo.

Antón Sánchez, do Grupo En Común, asegurou que a pandemia do coronavirus "puxo ao descuberto os recortes" na sanidade pública, ata o punto de que "no ámbito sanitario hai que loitar contra os recortes e contra o coronavirus".

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, sinalou que "non é o momento de pedir responsabilidades polos erros do Goberno e da Xunta, que os houbo, senón de arrimar o ombreiro, de salvar vidas e de minimizar os efectos económicos, que van ser tremendos". Para Pontón, foi un erro "non pechar territorios" que foron un gran foco de expansión do coronavirus, que non cese toda a actividade non esencial e tamén que non se blindou Galicia.

E Davide Rodríguez, do Grupo Mixto, tamén dixo estar á beira do Goberno galego nas cuestións que merezan ser apoiadas; aínda que incidiu no "desmantelamento" do servizo publico de saúde.

O portavoz do grupo maioritario (PP), Pedro Puy, apelou á "responsabilidade" de todas as forzas políticas e pediulles "altura de miras" que, na súa opinión e en xeral, están a mostrar, para dar resposta ao triplo reto "sociosanitario, económico e institucional" que supón a pandemia do coronavirus. En cambio, censurou que a oposición trate de relacionar "supostos recortes" coa situación sanitaria creada polo COVID-19. .