CRTVG

Buscar

O Parlamento constitúe a Deputación Permanente e as comisións lexislativas

Publicado o 20/08/2020 15:02

Hoxe constituíuse a Deputación Permanente do Parlamento, o órgano reitor que substitúe o pleno nos períodos non hábiles. E tamén quedaron constituídas o resto de comisións lexislativas, polo que nos próximos días xa poderán empezar a traballar.

O grupo popular presidirá todas agás a de Economía, que estará presidida polo BNG, principal grupo da oposición.

Na constitución das comisións non puido estar presente o líder dos socialistas galegos. Gonzalo Caballero atópase en corentena tras pasar un proceso febril, aínda que deu negativo nas probas PCR.

A Deputación Permanente para a XI Lexislatura quedou constituída coa continuidade de boa parte dos seus membros, co presidente e o vicepresidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices e Diego Calvo, respectivamente, ocupando os devanditos postos na Mesa.

A votación deixou tamén, do mesmo xeito que na propia Mesa do Parlamento, á nacionalista Montse Prado como vicepresidenta primeira e á socialista Mariña Ortega como vicesecretaria.

Pola súa banda, a popular Corina Porro tamén será secretaria da Mesa da Deputación Permanente.

Este órgano, composto por 23 membros, recolle o equilibrio de forzas da Cámara galega, con 13 deputados para o PPdeG, seis para o BNG e catro para o PSdeG.

Nas mesas da Comisión de Regulamento e a Comisión de Peticións, tamén constituídas, mantense o mesmo organigrama que nas da Deputación Permanente e o propio Lexislativo galego.

Noticias web

20/08/2020