CRTVG

Buscar

O Parlamento acorda recuperar as esculturas de Abraham e Isaac, do mestre Mateo, en mans dos Franco

Publicado o 07/10/2020 14:28
O Parlamento acorda recuperar as esculturas de Abraham e Isaac, do mestre Mateo, en mans dos Franco

O Parlamento de Galicia alcanzou este mércores un acordo unánime a favor de recuperar para o patrimonio público dúas estatuas medievais do mestre Mateo elaboradas para a catedral de Santiago das que se apropiou a familia do ditador Francisco Franco.

Nunha reunión plenaria, a Cámara galega votou esta mañá unha proposición non de lei, transaccionada por todos os grupos a partir dunha iniciativa do BNG, que insta o Goberno galego a colaborar con todas as institucións para a recuperación para o patrimonio público deses bens declarados de interese cultural.

Na súa proposta orixinal, o BNG pedía ao Goberno galego seguir o camiño aberto por unha recente sentenza que establece que o pazo de Meirás, utilizado polo ditador e os seus familiares como residencia de verán, é propiedade do Estado e non dos herdeiros de Franco.

Nese sentido, o BNG convidaba a traballar de forma coordinada para "documentar o espolio" das estatuas románicas e facilitar a súa devolución ao patrimonio público.

"É o momento de actuar", salientou o deputado do BNG Luís Bará e insistiu en que a tramitación por unanimidade desta iniciativa lanza unha "mensaxe moi positiva neste momento para toda a sociedade" e permite, ademais de avanzar na recuperación destes bens e combater a "enfermidade social" do franquismo e do fascismo.

Bará reprochou ao PPdeG a súa actitude de negarse durante a lexislatura pasada a aprobar unha proposta do BNG para que en Galicia se iniciasen estudos para determinar que bens foron adquiridos de forma ilícita polos Franco e emprender as accións necesarias para conseguir a súa devolución.

"Impediron que se gañase tempo e que avanzásemos moito máis", lamentou Bará, un dos deputados máis activos en iniciativas para restablecer para o Estado, o patrimonio espoliado polo ditador.

Aínda así, o PPdeG, maioritario na Cámara galega, apoiou nesta ocasión unha proposición non de lei que emendou para definir de forma máis concreta o modelo de actuación, coa creación dun grupo de traballo conxunto entre a Xunta e o Concello de Santiago de Compostela.

O parlamentario do PPdeG Borja Verea asegurou que o seu partido "vai traballar en todas as instancias, con todas as administracións e con todos os instrumentos dispoñibles" para que as estatuas poidan ser parte do patrimonio público.

Verea asegurou que se trata dunha cuestión que "afecta a dignidade histórica de Galicia".
Pola súa banda, o PSdeG pediu incluír o Goberno central e a Deputación provincial da Coruña nas iniciativas para recuperar as dúas estatuas que, segundo lamentou a deputada Noa Díaz, forman parte da "fortuna corrupta" da familia Franco.