CRTVG

Buscar

O Parlament ten ata o luns para decidir se lle retira a acta a Torra

Publicado o 23/01/2020 16:32
O Parlament ten ata o luns para decidir se lle retira a acta a Torra

A Mesa do Parlament ten ata o luns para decidir se cumpre a orde da Xunta Electoral Central (XEC) e retira a acta de deputado ao presidente da Generalitat, Quim Torra, ou se, pola contra, lle permite votar na sesión prevista para ese día.

O Supremo rexeitou este xoves suspender preventivamente a orde de inhabilitación e o PSC anunciou que pedirá un novo informe aos letrados do Parlament para que estes se pronuncien respecto diso.

Con todo, fontes parlamentarias consultadas por Efe consideran que a resolución do Supremo non cambia nada porque os letrados manterán o criterio de non retirar a acta, xa que non consideran que a XEC sexa competente, o que converte en "política" a decisión de deixar ou non que Torra vote.

Torra está condenado por desobediencia por non retirar a tempo símbolos partidistas de edificios públicos en período electoral, o que segundo o regulamento do Parlamento catalán suporá a súa inhabilitación como deputado cando a sentenza sexa firme.

A pesar de que aínda hai un recurso pendente de resolver, a XEC ordenou que se lle retire a acta de deputado autonómico por "incompatibilidade sobrevida", unha decisión que Torra tachou como un "golpe de Estado" contra as institucións catalás e que mesmo cuestionaron os servizos xurídicos do  Parlament, que non cren que o organismo electoral sexa competente para tomar esta decisión.

Nese momento, todos os grupos excepto Ciudadanos e PPC consideraron que a opinión dos letrados da cámara catalá avalaba que Torra puidese seguir votando ata que a condena que lle impuxo o Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña (TSXC) sexa firme.

Con todo, despois de que o Supremo rexeitase suspender preventivamente a orde da XEC, contradicindo así a opinión da Fiscalía, que avalaba suspender a resolución do árbitro electoral mentres estudaba o fondo do asunto, os socialistas queren saber se a situación de Torra cambiou.

Por este motivo, instaron o presidente do Parlament, Roger Torrent, a pedir un informe aos servizos xurídicos da cámara para que estes se pronuncien sobre se se estaría incorrendo nun delito de desobediencia se se permite que Torra vote o vindeiro luns.

Fontes da presidencia sinalaron que será a Mesa cando se reúna quen decida se se solicita ese informe e outras fontes parlamentarias consultadas por Efe consideraron innecesario un novo documento porque "o fondo da cuestión non cambia" e, se a XEC non era competente entón, tampouco o é agora. 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí