CRTVG

Buscar

O olfacto dos cans podería ser unha potente ferramenta para a detección precoz do coronavirus

Publicado o 27/11/2020 15:35

Aos seus apenas catro meses de idade, Chocapic xa é quen de identificar, co seu pequeno nariz, diferentes obxectivos a cambio de recompensas. Correctamente adestrado, podería chegar a converterse nun grande aliado dos humanos na loita contra o coronavirus.

Pedro Salas, instrutor de cans especializado en biotedección, explica que se xa se utilizou para a detección do cancro e doutras patoloxías, por que non para a covid-19? Agora o que hai que demostrar é que a covid ole, que se pode detectar e que se pode desenvolver un protocolo operativo que permita unha detección masiva; sobre todo apuntar aos asintomáticos, que sería o verdadeiramente revolucionario".

Esa revolución podería estar xestándose nun proxecto piloto que se desenvolve en Finlandia. No aeroporto de Helsinki, os viaxeiros limpan as mans cunhas toallas desbotables que logo cheiran os cans. Segundo os científicos finlandeses, os animais son quen de detectar os síntomas da covid-19 ata cinco días antes de que o paciente presente síntomas. Para os instrutores, o fundamental sería poder acceder en condicións seguras a mostras coas que traballar.

"Que poidan envasar a mostra para que nós poidamos traballar e logo avaliar os riscos que suporía tanto para o equipo humano como canino", puntualiza Salas.

Neste centro de Teo priorizan, en calquera caso, o benestar animal para poder continuar axudando na loita contra a enfermidade.

Noticias web

27/11/2020